Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o proxecto da nova sede da Policía Local e Protección Civil que se construirá en San Fiz


# Mércores, 01/09/2010
As obras comezarán o vindeiro luns e as melloras que ofreceu a adxudicataria permitirán equipar o edificio e acondicionar unha galería de tiro

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, presidiu a presentación do proxecto da nova sede da Policía Local e Protección Civil que vai construír o Concello en San Fiz. No acto tamén estiveron presentes os Concelleiros de Protección da Comunidade, José Rábade, e de Economía e Emprego, Sonia Méndez, ademais de representantes do estudo de arquitectos que deseñou o proxecto.

O Alcalde anunciou que a obra comezará o vindeiro luns e ten un prazo de execución de once meses. O rexedor municipal salientou a importancia desta obra que “é moi necesaria porque vai mellorar os nosos servizos, vai permitir rehabilitar o edificio do vello cárcere e ademais facer obras significa crear postos de traballo tan necesarios nestes tempos”. Ademais, José López Orozco indicou que facer obras coma esta “é froito da boa economía da que goza o Concello de Lugo, froito dun traballo feito con moito sentido común”. E tamén salientou que o novo edificio da Policía Local e Protección Civil, xunto coas sedes do INSS, o Cetal o MIHL ou a rehabilitación do vello cárcere, contribuirán a incrementar o patrimonio de edificios públicos de interese arquitectónico que se están facendo en Lugo a través do sistema de concurso público.

A obra conta cun orzamento de 3.100.000 euros e a empresa adxudicataria, Construcciones Piedra y Figraf, SA, ofertou unha mellora de 1.200.000 euros que se adicará a melloras como a urbanización da zona, o mobiliario de todas as dependencias e ó equipamento dunha sala de tiro de altas prestacións, segundo explicou o arquitecto Jaime Blanco do equipo Mestura Arquitectes, S.L.P autor do proxecto da nova sede da Policía Local e Protección Civil. Tamén se instalará unha antena de telecomunicacións, o Centro de mando e o control perimetral, segundo indicou o arquitecto quen sinalou que “estamos moi contentos de traballar con un Concello que aposta por unha arquitectura de calidade, algo que non é moi común”. De feito recoñeceu que o estudo, que ten a súa sé central en Barcelona e tamén é autor dos proxectos das comisarías das policías locais de Lleida e Melilla, tivera “certas reticencias” a presentarse ó concurso de ideas.

O edificio ubicarase nunha nova área de expansión urbana sita na zona sur da cidade que presenta unha adecuada conexión coas principais arterias da cidade de modo que a conectividade co resto da cidade queda garantida. A parcela na que se situará o novo edificio conta cunha extensión de 3.279 metros. O proxecto prevé unha superficie construída de 5.200 metros cadrados

O proxecto, redactado por Mestura Arquitectes, S.L.P, plantexa un edificio cun retraso da aliñación vial coa intención de xerar un amplo espazo, unha praza exterior de acceso. A estrutura establécese en forma de U arredor dun patio que articula e xerarquiza os diferentes usos, aportando iluminación aos principais  percorridos interiores e facilitando a transición do espazo exterior cara o interior do edificio.

Esta estrutura permite diferenciar a ubicación das dependencias da policía local e protección civil xa que aínda que comparten algunhas áreas como é o ximnasio e a sala polivalente, requiren un funcionamento completamente independente. Isto é posible grazas a unha clara sectoralización das plantas baixa e primeira  tanto a nivel de circulación de interiores  como na configuración volumétrica do edificio.

A complexidade do programa de necesidades que plantexa este tipo de edificios e necesaria convivencia de dous servizos que requiren un funcionamento independente, suxeriu unha proposta volumétrica e distributiva dotada de certa flexibilidade para absorber posibles variacións de necesidades e permitindo a ampliación da superficie construída.

Os encargados do deseño procuraron a máxima flexibilidade distributiva e de adaptabilidade da planta que conta cunha modulación que permite a alteración no uso dos espazos en previsión  de necesidades de cambio de dimensión de cada un dos servizos.

Estrutura:
-A planta soto conta con espazos para arquivos, sala de tiro, aparcamento con 38 prazas para turismo e 8 de maiores dimensións, e dous almacéns.

- Módulo da Policía Local:

Planta primeira: Na que estará situada a Oficina de Atención ao Cidadán, os vestiarios, a sala de designación de servizos, xunta xeral, academia e biblioteca, e diferentes oficinas.

Planta segunda: Zona administrativa con despachos para os diferentes servizos deste corpo de seguridade, sala de xuntanzas, sala integral, sala de control de tráfico e salas de espera para esta zona administrativa, etc.

-Módulo de Protección Civil:
Planta baixa: Sala de xuntas e emerxencia, unha oficina administrativa, despacho técnico

Planta alta: zona para emerxencias con catro dormitorios con literas para 16 persoas, sala de descanso, comedor, office.

Na planta alta os dous módulos comparten o ximnasio.

Ademais haberá unha sala de uso polivalente e o Centro de mando e sala de telecomunicacións no módulo que conecta os dous edificios da Policía Local e Protección Civil.

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova