Imprimir

UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA DE MÉDICOS DEL MUNDO SOBRE O POBO SAHARAUI ÁBRESE HOXE NO CENTRO DE CONVIVENCIA MARUJA MALLO


3/9/2010 Lugo é a primeira cidade na que se pode ver esta exposición do fotógrafo irlandés Andrew McConnell

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e representantes da ONG Médicos del Mundo presentaron esta mañá a exposición “La Larga Noche Saharaui”, unha mostra de fotografías que queren darlle a coñecer a cidadanía a situación na que vive a poboación saharaui logo de 34 anos de exilio.

Luisa Zarzuela explicou que a colaboración do Concello con Médicos del Mundo débese “ó importante labor que desenvolve esta ONG nos países desfavorecidos” e indicou que “o Concello amosa así a súa sensibilidade cunha asociación que traballa coas persoas máis vulnerables”.

O Videpresidente da entidade en Galicia, Felipe Noya, explicou que exposicións coma a inaugurada esta tarde no Centro de convivencia Maruja Mallo, naceu da necesidade “de testimoniar o noso traballo porque de outro xeito é posible que non servira para nada”.

Na presentación tamén interviron Maira Romero, cooperante de Médicos del Mundo nos campamentos de refuxiados saharauis, e Andrew McConnell, o fotógrafo irlandés autor das 22 instantáneas que compoñen a exposición. O fotógrafo explicou que escolleu para o seu traballo o Sahara “porque esta xente necesita máis atención” e “quería que a mensaxe expresiva fora moi intensa e por eso fixen escenas nocturnas destas persoas que viven no deserto”.

Andrew McConnell foi o gañador do XII Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña que organiza cada ano Médicos del Mundo. Este premio consiste nunha bolsa de traballo coa que o fotógrafo estivo o ano pasado nos campamentos de refuxiados saharauis, en Alxeria, e no Sáhara Occidental. Dese traballo naceu este proxecto que se exhibe por primeira vez en Lugo e que visitará outras cidades durante este ano e o próximo.

A mostra inaugurouse pola tarde no Centro de Convivencia Maruja Mallo, onde se poderá visitar ata o 15 de setembro. O horario de visitas é o mesmo que o de apertura do Centro: de 8.30 a 14.30 e de 16 a 21.30.