Imprimir

LUGO VAI RECUPERAR A PISCINA ROMANA DA PRAZA DE SANTA MARÍA


8/9/2010 O Concello aproba a licitación do proxecto, incluído no Plan Urban, cun orzamento de case 111.000 euros

O Alcalde e a Vicepresidenta da Deputación presentaron hoxe a iniciativa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Vicepresidenta Primeira da Deputación Provincial, Lara Méndez, presentaron hoxe o proxecto de restauración e valorización da piscina romana da praza de Santa María.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación das obras, incluídas no Plan Urban e dacordo cun proxecto técnico que redactou a empresa Tomos, Conservación e Restauración.

O prezo do contrato é de 110.847 euros, incluído o IVE, e o prazo de execución de 4 meses, segundo informou o Alcalde.

López Orozco salientou a importancia do proxecto que lle permitirá a Lugo recuperar un novo tesouro do seu pasado romano,que foi descuberto en 1960 ó realizar os traballos de pavimentación no contorno da catedral.

O Alcalde explicou que o proxecto cofinanciarano no 70% o Plan Urban e o resto Concello e Deputación, polo que López Orozco agradeceu esta nova colaboración da Deputación provincial e sinalou que “nunca houbo tanta colaboración institucional e humana” entre Deputación e Concello.

A Vicepresidenta Primeira da institución provincial, Lara Méndez, tamén se referiu á colaboración entre ambas as dúas institucións e indicou que “hai tres anos implantouse algo que debera ser normal: servir ós cidadáns”. Méndez sinalou que este é un proxecto máis no que traballan da man Concello e Deputación como sucede tamén noutros proxectos como o Plan Paradai, a adecuación de zonas de baño no río Miño ou o proxecto Lugo10.
A arqueóloga municipal, Covadonga Carreño, explicou que o proxecto permitirá introducir, por primeira vez, unha das xoias arqueolóxicas que ten Lugo nun espazo público.

Logo da súa restauración cubrirase con vidro transparente e dotarase con iluminación. Tamén está previsto poñer cámaras de vídeovixilancia e uns bolardos para que poidan pasar as procesións e circular vehículos de carga e descarga ademais de manter a celebración de concertos no recinto da praza.
Tralo seu descubrimento, no ano 1960, a piscina romana da praza de Santa María quedou soterrada de novo e as obras de remodelación do pavimento levadas a cabo no 2004 permitiron detectar a súa ubicación exacta.

O seu estado de conservación coñécese só polas fotografías e debuxos feitos en 1960. Naquel momento selouse cunha capa de area e trasladáronse ó Museo Provincial os fragmentos de mosaico desprendidos.

Os especialistas crén que a piscina, que ten 6,30 metros de longo, 2,66 de ancho e unha profundidade aproximada de 1,90, podería pertencer a un complexo termal privado. Calcúlase que se construíu na segunda metade do século IV ou no século V e que estivo en uso ata os séculos V-VI.

Está soterrada nas proximidades da entrada do salón de actos de Caixa Galicia e o proxecto de recuperación supón a volta ó seu lugar dos fragmentos de mosaico que se lle retiraron e están depositados no Museo Provincia.

Na restauración da piscina empregaranse materiais e técnicas tradicionais e compatibles cos materiais orixinais, baseadas sobre todo no uso da cal.

www.lugo.es/urban