Imprimir

PRESENTADO O 1 MINI TRAIL CLUB FLUVIAL DE LUGO QUE TERÁ LUGAR O 11 DE SETEMBRO


9/9/2010

O Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, presentou hoxe o Primeiro Mini Trail Club Fluvial de Lugo, nun acto no que tamén participaron Eduardo Núñez Torrón, presidente do Club Fluvial e Ismael Fernández, organizador da proba.

O Primeiro Mini Trail Club Fluvial terá lugar o sábado, 11 de setembro, e, segundo salientou o Concelleiro constitúe “unha novidade no calendario deportivo lucense que vén engrosar o amplo calendario de probas atléticas da cidade”. Tamén salientou o Díaz Grandío que se trata “dunha iniciativa máis amparada polo Club Fluvial”.

A proba terá un percorrido de 22 quilómetros e discorrerá polo monte Segade e Penarrubia. A carreira sairá ás 9.00 horas de diante do edificio principal do Club Fluvial de Lugo. A organización calcula que a chegada do primeiro será orredor das 14.00 e a do último sobre as 13.00. Haberá dúas categorías únicas: masculina absoluta e feminina absoluta.

Ismael Fernández salientou que nesta primeira edición do Mini Trail Club Fluvial haberá cen participantes “o que supuxo unha sorpresa para nós xa que esperabamos como moito cincuenta valentes dispostos a correr pola montaña”. Tamén salientou que esta proba supón “un esforzo organizativo moi grande que foi posible grazas á colaboración do Club Fluvial”.

Eduardo Núñez Torrón indicou que para o Club Fluvial esta proba “pretende ser un inicio”. Tamén dixo que o obxectivo da entidade e chegar a crear unha sección deportiva de Montaña para o que “estamos facendo xestións porque ó Club Fluvial só non lle é doado facelo”

www.clubfluvial.org

Descargar Reglamento e percorrido I Edición Mini Trail Club Fluvial de Lugo