Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo 10 desenvolverá unha campaña co lema "Os de Lugo somos así"


# Luns, 13/09/2010
O Concello presenta a campaña que difundirá mensaxes sobre os atractivos de Lugo e o carácter dos lucenses tamén en Santiago de Compostela

Imaxe Asociada

Lugo 10 poñerá en marcha unha campaña co lema “Os de Lugo somos así”, segundo anunciaron hoxe a primeira Tenente de Alcalde, Sonia Méndez, e a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña.

A campaña comezará este mes de setembro e rematará o 30 de novembro, co peche do programa conmemorativo do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial.

Mensaxes que describen aspectos da cidade e do xeito de ser dos lucenses: somos hospitalarios, amigos dos nosos amigos, encántanos as tapas, desfrutar das festas, temos un patrimonio marabilloso e unha historia cun valor incalculable, góstanos a natureza, o deporte…todas esas ideas conclúen no slogan: Os de Lugo somos así.

A campaña difundirase a través de 18 mupis, 1.400 carteis, nos medios de comunicación, internet e as redes sociais. E tamén se verá en Santiago de Compostela xa que Lugo 10 chegou a un acordo co Concello compostelán que cederá as pantallas que ten na Praza de Galicia e na Porta Faxeira, na entrada da Alameda, para proxectar un spot de Lugo10 ata finais de novembro. A través deste medio, Lugo e os seus atractivos chegarán ós numerosos visitantes que recibe Santiago neste Ano Santo.

Lugo10 na rede

A Concelleira de Cultura explicou tamén que esta campaña vai ter ademais gran repercusión nos medios dixitais, tanto a través das webs lugo10.es, lugo.es, lugoturismo e nas redes sociais. Precisamente, a presenza de Lugo10 nas redes sociais está sendo extraordinaria. Só en Facebook a páxina de Lugo10 xa é seguida por máis de 4.500 persoas o que a convirte nun sitio de referencia de Lugo na rede. Na páxina de Lugo10 en Facebook hai información en tempo real sobre as diferentes actividades relacionadas co proxecto e esta mesma semana está previsto que comece un novo concurso de slogans do que sairá a mensaxe de peche do programa de Lugo10. Esa e moitas outras sorpresas están previstas para este mes de setembro, segundo salientou Nuria Mundiña.

A Concelleira de Cultura explicou que a campaña foi contratada a unha empresa de creativos de Lugo, Doble V, por importe de 5.351, 84 euros. “Como todas as actividades de Lugo10 foi aprobada na Xunta de Compras do Concello, órgano do que forman parte todos os grupos políticos municipais” o que pon de manifesto que “é un programa transparente 100%, xa que cada factura pasa por esa Xunta”, sinalou Mundiña.

Programa austero e de todos

Tanto a Concelleira de Cultura como a primeira Tenente de Alcalde salientaron que Lugo10 naceu dentro do Concello pero agora “é de todos”. Ademais, Sonia Méndez indicou que está sendo posible “grazas ó apoio da iniciativa privada e pública”. “Ata o de agora está sendo un éxito, leva recibidos 170.000 euros de patrocinadores, desque comezou o 11 de xaneiro, fixéronse numerosas xestións para poñer en marcha cada actividade, traballamos con máis de 30 empresas, asociacións e entidades, mesmo os medios de comunicación da cidade, e puxemos en marcha máis de 50 accións, todas con empresas e entidades de Lugo”, declarou.
Méndez tamén salientou que “se trata de chegar a toda a cidadanía e tamén fóra, e facelo de xeito acorde cos tempos que corren, baixo o principio de austeridade”. Para Sonia Méndez non se trata dunha campaña internacional de promoción da Muralla como solicita agora o PP, por iso “resulta contraditorio coas súas continuas e inxustificadas acusacións de despilfarro”.

Sen a Xunta

A Concelleira de Economía destacou que “todas as institucións, agás a Xunta, están comprometidas con Lugo10”. Lembrou que o Ministerio de Cultura aportou máis de 100.000 euros a través de varias subvencións ó programa que se desenvolve “sen colaboración da Xunta, algo que temos que denunciar unha e outra vez, porque este programa tiña fácil encaixe nas celebracións do Xacobeo, tendo en conta que por Lugo pasa o Camiño Primitivo, e iso faise co apoio do candidato do PP que parece defender á Xunta en contra de Lugo”.
Aínda así, segundo Sonia Méndez, “o programa está sendo un éxito e agradecemos o apoio de todos os patrocinadores e tamén a imaxinación dos que traballan nel”.

www.lugo10.es

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova