Cargando....
Concello de Lugo
21/05/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Mañá comeza a Semana da Mobilidade que presentou o Concelleiro de Protección da Comunidade


# Martes, 14/09/2010
O Domingo será o Día sen Coches e o mércores que vén será de balde o transporte público

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentou hoxe a Semana da Mobilidade 2010 que comezará mañá, organizada polo Concello co obxectivo de concienciar ós cidadáns sobre a necesidade de empregar vehículos privados o menos posible e apostar por outro xeito de medios para desprazarse.

Este ano a Semana Europea da Mobilidade ten o lema “Móvete con intelixencia, vive mellor”, segundo informou José Rábade, quen explicou que os actos organizados polo Concello “diríxense sobre todo ós nenos e teñen unha intención educativa”. Tamén fixo fincapé en que “na medida en que todos procuremos utilizar máis outros medios para desprazarnos como transporte público será mellor para nós, por cuestións de saúde, e para o medio ambiente”.

O programa de actividades empeza mañá, mércores, día 15. Ás 17.30 horas os nenos da ocioteca do Centro de convivencia Maruja Mallo trasladaranse en autobús urbano ate o Parque Infantil de Tráfico onde recibirán clases de Educación Vial.

O xoves, día 16, tamén ás 17.30, repetirase esta actividade para nenos da ocioteca do centro Uxío Novoneyra e o venres, día 17, á mesma hora haberá a mesma actividade para nenos que acuden ás ociotecas da Milagrosa.

Para o domingo, día 19, está programado o Día sen coches, que suporá o peche do acceso ó recinto histórico a vehículos particulares, de xeito que o acceso restrinxirase a residentes e propietarios de prazas de garaxe situadas na zona. Tamén se desenvolverá nese xornada o Día da Bicicleta, que se fai en colaboración co Grupo Voz. No lateral da Casa do Concello haberá unha xincana cicilista entre 11.00 e 12.00 horas e a continuación darase a saída que fará o seguinte percorrido: Praza Maior, Rúa da Raíña, Rúa San Marcos, Rúa Amor Meilán, Rúa Nova, Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, Rúa Raíña, Praza Maior, Rúa Bispo Aguirre, tramo peatonal da Ronda da Muralla, Ronda da Muralla, Rúa Monforte, Rúa Río Sil, Avenida Infanta Elena e Centro Comercial As Termas.
O prazo para as inscricións está aberto ata o sábado e fanse no Centro Comercial As Termas.

O luns, día 20, haberá un circuíto de bicis na Praza de Anxo Fernández Gómez que terá lugar de 17.00 a 19.30 horas, e no que poden participar nenos de 8 a 14 anos de idade.

A Semana da Mobilidade rematará o mércores, dia 22. Nesa xornada será de balde o transporte público de Lugo e haberá un novo circuíto de bicis, tamén para nenos de 8 a 14 anos. Será de novo na Praza de Anxo Fernández Gómez de 17.00 a 19.30 horas.

Transporte metropolitano e universitario

O Concelleiro tamén se referiu ó proxecto do transporte metropolitano do que dixo que “cando a Xunta nos convocou á última reunión, a Xunta de Goberno Local xa tiña aprobado o convenio e nós temos todo perfectamente preparado para que o transporte metropolitano entre en funcionamento en outubro, que foi a data da que falou a Xunta”. Tamén explicou Rábade que Lugo tardou máis en aprobar o convenio que outros concellos da bisbarra porque ”somos un Concello maior e tivemos que facer máis trámites como dar audiencia á empresa concesionaria dos autobuses urbanos”.

Ademais, Rábade indicou que desde hoxe funciona a liña especial de buses ó Campus universitario, que se adiantou máis de medio mes porque a Universidade adiantou este ano o comezo das clases.

Pleno do estado do Concello

O Concelleiro de Protección da Comunidade e Voceiro do Goberno local tamén anunciou que o Pleno extraordinario no que se debaterá sobre o estado do Concello foi convocado para o vindeiro luns, día 20, ás 16.30 horas.

Descargar o documento


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova