Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo10 reúne na exposición "Cores da Historia en Lugo10" a particular visión de 30 artistas nunha homenaxe a Muralla Romana


# Mércores, 15/09/2010
O Alcalde de Lugo, a Concelleira de Cultura e o Comisario da exposición presentaron esta mañá “Cores da historia en Lugo10”

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A exposición, que se inaugurará hoxe as 20.00 horas, permanecerá no Centro Social Uxío Novoneyra ata o vindeiro día 15 de outubro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña e o Comisario e promotor da exposición, o artista lucense Lomarti, presentaron esta mañá a exposición “Cores da Historia en Lugo10”, incluída dentro do Programa Lugo10, que pretende conmemorar os dez anos dende a declaración da Muralla de Lugo coma Patrimonio da Humanidade.

Unha iniciativa artística que partiu do lucense Lomarti coma unha homenaxe aos dez anos da declaración coma Patrimonio Mundial da Muralla de Lugo. Así, é o monumento romano o eixo principal desta exposición, que reúne a creativa e particular visión de 30 artistas plásticos moi relacionados coa cidade de Lugo.

O Alcalde agradeceu a Lomarti esta iniciativa particular, “que mostra o agarimo dos artistas á cidade e sobretodo á musa de moitos artistas, a Muralla Romana”. A exposición, que se inaugurará hoxe as 20.00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra, permanecerá ata o día 15 de outubro, e a entrada será de balde.

Artistas participantes:

Ismael Alonso, Sabela Arias, Blanca Besteiro, Blas Lourés, Quique Bordell, Manuel Carreira, Jorge Espiral, Ángel González Doreste, Antón Goyanes, Xoán Guerreiro, Labajjo Grandío, Mauro Leivas, Carmen Llonín, Lomarti, Ignacio López, Rebeca López, Jesús López Lázare, Ana Mazoy, Cristina Mejías, Jesús Otero Iglesias, Euloxio das Penas, Peña Romay, Noa Persán, Juan Miguel de Prada, Iván Prieto, Chus Rodríguez, María José Santiso, Orfilia Seixas, Vázquez Cereijo e Christian Villamide.


30 ARTISTAS

Ismael Alonso
Naceu en Lugo, en decembro de 1926. Aínda que dedicou media vida ao traballo na banca, vence sempre a súa especial capacidade para crear beleza cos pinceis. Ismael
é o autodidacta que logra a altura dos académicos na perfecta soltura do seu impresionismo, o cal lle dá un valor engadido á súa obra, con predilección pola acuarela e o óleo. Nunca se quixo prodigar nin publicar, participando unicamente nalgunhas mostras colectivas.

Sabela Arias
Naceu en Lugo o 24 de xullo de 1969. Estuda na escola de Artes Ramón Falcón, e obtén a licenciatura na facultade de Belas Artes de Salamanca para logo proseguir os estudos de posgrao na Universidade do País Vasco. Este ir e vir supón unha influencia clara, marcada gusto por novas paisaxes, polo que podemos percorrer a súa obra coma se fose unha viaxe. Vemos a través dos anos cambios nas temáticas, aínda que a súa investigación sempre vai ao redor da experiencia da cor e dos ritmos que xorden dentro do seu espazo. Ilustración, pintura, gravado, deseño, uso do espazo, podemos dicir que non lle importa nin a técnica nin o formato, que varía constantemente: a súa obra é unha busca de sensacións cromáticas puras. Realiza unha intensa actividade
de exposicións individuais e colectivas dentro e fóra de España. Na actualidade, á parte da pintura, dedícase tamén á ilustración.

Blanca Besteiro
Naceu en Riotorto (Lugo), o ano 1965. É licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de San Fernando (Universidade Complutense de Madrid), nas especialidades de Restauración de Obras de Arte (1988) e Gravado (1989). Realizou varias mostras individuais e colectivas. Na actualidade continúa coa pintura e estase dedicando profesionalmente á restauración en Galicia.

Blas Lourés
Xesús Blas Lourés naceu en Lugo o 28 de novembro de 1926. Realizou estudos de Arte en Madrid e recibiu unha beca da Deputación Provincial de Lugo nos anos 1949,
1950 e 1951. Durante varios anos impartiu clases de debuxo no Seminario Diocesano e no Colexio Público “Sagrado Corazón” en Lugo. Dende 1969 é profesor de Pintura e Debuxo na Sociedade Círculo das Artes de Lugo. Cómpre salientar a súa participación nas seguintes exposicións colectivas: Arte Galega Contemporánea, Santiago (1954); Nacional de Alicante (1957); Nacional de Sevilla (1957); Grupo Os Urogallos (Lugo, 1963); Instituto Beiras (Vigo, 1969); Bienais de Pontevedra (1970, 1971, 1972, 1973, 1974); Cuarta Exposición de Arte ao Aire Libre (Vigo, 1971); Arte Joven de Galicia (A Coruña, 1973); Exposición de Pintura, Debuxo e Escultura (Noia, 1973); Eduardo Blanco Amor (Vigo, 1976); Mostra de Outono (A Coruña, 1979); Sétimo Salón de Arte Lorient (1982); Certame Internacional de Arte Contemporánea (Salón das Nacións de París, 1984); Mostra Itinerante Dezasete pintores de Lugo (Buenos Aires, 1986), e esta
mesma en Lugo e noutras cidades galegas en 1987. Realizou as seguintes exposicións individuais: Salón de Exposicións do Concello de Lugo (1960); Caixa de Aforros Municipal de Vigo (1967); Ateneo de Pontevedra (1968); Información e Turismo (A Coruña, 1968); Sala Velázquez (Madrid, 1975); Caixa de Aforros Municipal de Vigo (1975); Sala de Exposicións Círculo das Artes (Lugo, 1973 e 1977); Sala de Arte do BCI (Lugo, 1979 e 1986); Caixa Galicia (A Coruña, 1982 e Santiago, 1983); BCI (Lugo, 1986); Banco Gallego (Lugo, 1991 e 1994); e Sala Almirante (Lugo, 1999). Ilustrou as publicacións Almanaque Cartonajes Anmi (Lugo, 1960), A Nosa Terra (Libro de Ouro no Centenario de Ramón Cabanillas, Vigo, 1976), e algúns libros de escritores lugueses, coma por exemplo: E decímolo ou non o decimos? (Anxel Fole, Lugo, 1992), Os eidos (Uxío Novoneyra, Vigo, 1991), A fraga amurallada (Darío Xohán Cabana, Ourense, 1982), Pucharcas (Antón Grande, Lugo, 1987), Poesía fea (Lupe Gómez, Santiago, 2000). Tamén aparecen obras súas nos libros Homenaxe a Manuel María (A Coruña, 1995), Homenaxe a Uxío Novoneyra (Santiago, 1999) Tradiciones, mitos, etc. (Jesús Vázquez Gallego, Lugo, 1990) ou Poemas e contos da muralla (Lugo, 2001)

Quique Bordell
Naceu en Lugo en 1962. Coñecido tamén como Señor Bordell, Gato López, Visceral B., “El Artista Antes Conocido Como Quique Bordell”, Doctor Faustroll, ou Bacabú Invisible. De formación autodidacta, empeza a traballar aos 18 anos na pintura e na técnica de creación de bonecos e marionetas con pasta de papel. Participa con varios cómics e contribucións gráficas na revista Atlántico Express, con Germán Refojo, Honorio, Leovigildo García e outros. Máis tarde participa na revista Con todo Lugo de detalles, e finalmente na revista Lupus Augustus. Neste tempo empeza a desenvolver a súa carreira artística, colaborando coa sala Nasa de Santiago e participando no grupo “Pintautores Asociados”. Durante un tempo vive en Nova York, e á súa volta realiza unha exposición na Sala Almirante, na Rúa da Raíña de Lugo.

Manuel Carreira
Naceu en Lugo en 1966. Realiza unha figuración afectiva de personaxes populares que se moven ás veces na fronteira do marxinal, borrachos e mulleres da vida, feirantes,
músicos ou bohemios. Realizou mostras individuais en Galería Puerta 11, Edificio Multiusos, etc. Participou en colectivas do Museo Provincial, Auditorio Municipal, Sala
Apolo ou Galería Bacabú, entre outras. Obtivo diferentes premios de pintura e o Cidade de Lugo de escultura.

Jorge Espiral
Naceu en Lugo o 30 de maio de 1964. Forma parte do grupo “Bacabú” dende o seu inicio. Expón individualmente con regularidade en Galicia e España, e de maneira
colectiva participa en exposicións de diversos países estranxeiros.

Ángel González Doreste
Naceu en Las Palmas de Gran Canaria en 1933. Fillo do pintor lucense Ángel Johan, de 1953 a 1958 cursa estudios superiores de pintura en Belas Artes de Madrid. Viviu en París de 1960 a 1963, e actualmente está establecido en Santander. O realismo é unha constante na súa traxectoria, con pequenas rupturas nos 60, nas que investigou con texturas e areas, para volver pouco despois ao pincel hiperrealista. As súas primeiras exposicións foron no Ateneo e nas Galerías Fernando Fe, Biosca e Salón Cano de Madrid. Asistiu á formación do grupo El Paso. Participou nunha mostra colectiva en Moscova, e expuso en Tenerife, Las Palmas, Lugo, Santiago, Madrid, Bilbao, Oviedo e Santoña. Teñen obras súas o Museo de Lugo, o Carlos Maside e o de Arte Contemporánea de Vilafamés en Castellón.

Antón Goyanes
Naceu en Monforte de Lemos (Lugo) o ano 1935. Os seus estudos de arte realizounos Antonio Goyanes Fernández na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Máis tarde trasladouse a Vigo, onde traballou en actividades non estritamente plásticas e comezou a debuxar e a pintar. A súa personalidade concentrada, case ensimesmada, allea a todo exhibicionismo, manifestouse nos seus primeiros traballos, de carácter figurativo, baseados en estruturas rítmicas e xeométricas, con temas do mar. Forma parte do grupo “Atlántica”, e evolucionou xa cara ao informalismo, que chegou a ser absoluto no seu quefacer. Está representado nos museos de Galicia, e en coleccións de institucións públicas. Ten obra mural da súa primeira época na Estación Marítima de Ría, en Vigo.

Xoán Guerreiro
Naceu en Xove (Lugo) o ano 1956. Pintor recoñecido polo Novo Realismo que practica e que xa mostrou de forma individual en diversas galerías de Galicia e España, coma Ana Vilaseco da Coruña, Espacio 48 e Metro de Santiago, Clérigos e Museo Provincial de Lugo, Val i 30 de Valencia ou Biondetta de Madrid, e de xeito colectivo en múltiples espazos públicos e museos nacionais. A súa obra ten representación en importantes coleccións museísticas e privadas.

Alfredo Labajjo Grandío
Naceu en Lugo en 1939. Fillo do catedrático de matemáticas do Instituto de Lugo Alfredo Rodríguez Labajjo. En 1959 trasládase a Madrid e faise Enxeñeiro Técnico Industrial. Traballa durante un ano na empresa construtora Agromán, S. A. de Madrid.
Alfredo Rodríguez Grandío considérase o derradeiro dos bohemios. Emparentado cos insignes pintores Rodríguez Corredoira, de quen é sobriño-neto, e con Tino Grandío, que era seu primo. Aos doce anos e durante dous recibe as primeiras clases do notable pintor vilalbés D. Antonio Insua Bermúdez, profesor de debuxo e pintura. Despois, co seu primo Tino en Madrid e nos anos 62-63, co catedrático e gran mestre D. Pedro Mozos, quen intenta que ingrese na Escola Superior de Belas Artes. O señor Mozos ponlle unha aula á súa disposición, proporciónalle teas, pinceis, pintura e modelos durante un ano... sen suxeitalo. Alfredo saltaba as normas e os canons establecidos. Pintaba o que quería e cando quería. Iso si, cando se despide del dille que é un artista en potencia e que non deixe de pintar; que xa que non puidera facer nada con el facíalle esta última recomendación: “Pinta, pinta o que queiras, o que che dea a gana, tes madeira para iso”. Talvez D. Pedro Mozos sexa o que máis influíu na súa pintura, polos seus temas costumistas e o groso do trazo. Viaxa por Europa e expón con regularidade dentro e fóra de Galicia.

Mauro Leivas
Naceu en Mondoñedo (Lugo) o ano 1955. A obra pictórica de Mauro Leivas non se pode separar da súa personalidade e biografía, xa que as dúas corresponden a unha
mesma actitude vital: a liberdade sen concesións. Nace no seo dunha familia liberal de Mondoñedo. Adquire os primeiros coñecementos de deseño e debuxo dos seus pais que, conscientes das súas aptitudes, deciden a ampliación da súa aprendizaxe con Juan Bautista Puchades, escultor valenciano establecido en Mondoñedo. Traballa con Nina Álvarez e o escultor Charles-Martin Hirschy en Suíza, e con eles coñece a arte de varios países europeos. Regresa a Galicia e ingresa na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, graduándose na especialidade de cerámica. Nestes anos mantense unido e colabora, en 1983, con Caxigueiro e Artiaga na exposición “Nova Xeneración”. A mediados dos oitenta trasládase a Madrid, onde se integra no ambiente artístico e cultural da “Movida madrileña”. A súa experiencia na capital de España deulle un cambio radical á súa obra. Despois do abandono da abstracción xestual orienta a súa
pintura, en 1986, cara a unha figuración expresionista. Esta obra será obxecto de exposicións polo territorio nacional. Despois desta expresiva figuración, na década dos noventa cambia a súa estética cara a formulacións que entroncan co mundo da ilustración.

Carmen Llonín
Naceu en Lugo en 1964. É unha artista autodidacta formada no CENTRAD. A natureza proporciónanos os materiais necesarios para crear; materia prima, cores, texturas, volumes, formas, espazos, densidades e outras calidades non físicas que dependen do observador. Land Art, arte ambiental. Gústalle dicir que traballa con e na Natureza; un lenzo sen límites para ela.

Lomarti
Naceu en Lugo en 1957. Primeira exposición individual no ano 1977. Distintas mostras tamén individuais en: Salamanca (Sala Rúa Mayor); Segovia (Torreón de Lozoya); Compostela (Casa da Parra); León (Museo Provincial); Barcelona (Galería Sargadelos), etc. Ultimas mostras individuais son as realizadas en Galería Biondetta e Fundación ArtSur de Madrid, nos museos de Arte Moderna de Tarragona e Provincial de Lugo e na galería Metro de Compostela. Unha longa serie de exposicións colectivas, como son
dúas edicións de Arco Madrid, a VIII Bienal Internacional de Pontevedra, a I Bienal de Unión Fenosa, a Bienal de Murcia, o Premio Gargallo de Zaragoza, etc. Realiza diversos talleres de escultura, coma os de Calatorao en Zaragoza ou o Primeiro Simposium de Escultura Española en Corea do Sur. Dende o ano 1996 realiza distintas
performances por varios puntos de España. Publicou coa editorial Tris Tram o libro de poemas ilustrados Coroas de Mercurio. Na actualidade exprésase cun eclecticismo que se serve de todos os sistemas representativos da plástica actual.

Ignacio López
Naceu en Grolos, Guntín (Lugo) no ano 1957. Realiza mostras individuais na Deputación lucense e no Círculo das Artes de Lugo, na Fundación Caixa Galicia en Monforte, na Casa da Cultura de Burela na Galería Cabrera da Habana (Cuba). Participa en diversas mostras colectivas. Obtén o primeiro premio no concurso de carteis do Festival de Jazz de Lugo.

Rebeca López
Naceu en Lugo en 1978. Licenciada en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra. Expón individualmente na galería Dosmilvacas de Ponferrada e na sala da Deputación
lucense, e participa en mostras colectivas na galería Amararte e en espazos públicos coma a sala Os Peiraos de Vigo, o Convento do Carme de Padrón, o Centro Uxío Novoneyra e o Museo Provincial de Lugo.

Jesús López Lázare
Naceu en Lugo en 1960. Estudos na Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo de 1976 a 1980 co profesor e catedrático Rodrigo Porral, que despois continuaría no estudio do pintor López Guntín. Realizou diversas exposicións individuais en salas de toda a provincia e noutras galegas, e tamén no espazo de arte de Caja Burgos de Aranda de Duero. Participou en tres mostras colectivas dende 1983 a 1987. Ten un primeiro premio no Certame de Artes Plásticas Cidade de Lugo de 1976, e un segundo premio no mesmo certame de 1982.

Ana Mazoy
Naceu en Lugo en 1954, e vive en Manzanares el Real (Madrid). Doutora en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, profesora titular na Universidade Autónoma de Madrid, concilia docencia e investigación cunha intensa actividade artística como pintora, escultora e artista visual. Destacamos algunhas das súas exposicións individuais: “Esc-Ala” no Museo Provincial de Lugo, 2008; “Canto líbero” no Centro Cultural Villa de Móstoles, Madrid, 2006; “EvoCantO” Lublijana Castle, Pentagonal Tower, 2005, Festival Lublijana, Slovenija; “Tránsito, viaje, búsqueda”, na Sala de Exposicións Juan Carlos I, 2004, San Fernando de Henares, Madrid; “Lapidarios”, 2001, na Galería Désirée Liéven de Madrid; “Huellas de Identidad”, 1999, Galería Desirée Liéven, Madrid; “Bestiario”, 1984, na Galería Estampa, Madrid e na Galería de Arte Lola Durán de Pontevedra.

Cristina Mejías
Nacida en Maracaibo (Venezuela) o ano 1965, seus pais son de Rábade (Lugo) e Cangas do Morrazo (Pontevedra). Recibe formación artística en Caracas dende os oito
anos, da man do artista Salvatore Dell’Elmo, ata 1982, ano en que se establece en Lugo coa súa familia. É nesta amurallada cidade onde participa na súa primeira colectiva de pintura no ano 1986, ao tempo que se titula en Ciencias Empresariais. Dende aquela pinta, crea ilustracións e deseños de publicacións e pertence ao colectivo de “Poetas da Ribeira Sacra” dende a súa fundación no 2007, realizando neste mesmo ano, tamén en Lugo, a súa última exposición individual “Besos”.

Jesús Otero Iglesias
Naceu en Lugo en 1963. Móvese en correntes tan distintas coma o surrealismo, a abstracción ou o minimalismo. A última colección que presentou en Lugo foi no ano 1997 na Galería Clérigos. Despois de conseguir unha bolsa de Unión Fenosa, recibe outro recoñecemento co primeiro premio do terceiro Salón de Outono da Academia de Belas Artes da Coruña. Realiza constantes exposicións individuais en espazos públicos e privados en España e Bélxica, así como unha chea de colectivas de grande interese, coma a da Fundación Barceló en Mallorca ou Novísimos I e II. Ten tamén varias bolsas e premios no seu haber.

Euloxio das Penas
Naceu na Tolda de Meilán, en Lugo, no ano 1964. Artista plástico con particular dedicación á escultura. Algunhas das súas exposicións individuais son a da Casa de Galicia en Madrid; Galería D. Madrid; El Montacargas, Madrid; Sala La Lonja, Centro Cultural de Arganzuela, Madrid; Sala Hispano 20, Compostela; Círculo das Artes de Lugo; Galería Torres Begué, Madrid. Participa tamén en múltiples mostras colectivas e obtén varios premios ao longo da súa traxectoria. Participou en talleres do Círculo de Bellas Artes de Madrid con Sus e Joel Meter Witkin.
José Manuel Peña Romay
Naceu en Lugo en 1952. De formación autodidacta, compaxinou a pintura co traballo como técnico na industria eléctrica. Dende o ano 2002 dedícase integramente á creación plástica, realizando exposicións en Galicia.

Noa Persán
Naceu en San Sebastián (Gipuzkoa) o ano 1978. Autodidacta, trasladouse a vivir en plena natureza, nos Ancares de Lugo, onde residiu varios anos descubrindo as cores e
as formas da terra e os seus animais. Actualmente vive en Lugo compaxinando os seus estudos coa súa paixón pola pintura. Algunhas das súas exposicións individuais son: ano 2000, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo; ano 2004, en La Moncloa de San Lázaro de Cacauelos (León) e na Galería Sargadelos de Lugo; ano 2005, no Museo Etnográfico da Fonsagrada (Lugo) e no Musée d’Art Oriental de Biarritz (Francia); ano 2006, “Oniria” na Sala Almirante de Lugo; ano 2007, “Lugoniria” na Galería Amararte de Lugo, e “Oriente en Occidente” no Centro Cultural Artépolis de Madrid; ano 2008, “Orientalismos” na Sala Almirante de Lugo, e “Onirismos de Oriente” na Galería Manuel Márquez de Ourense. Ten participado tamén en diversas exposicións colectivas en Lugo, Ferrol, Biarritz, A Coruña, Alicante, Valencia, etc., e foi premiada en diversos certames dende que no ano 2004 gañara o primeiro premio do V certame de pintores vascos celebrado en Francia.

Juan Miguel de Prada
Naceu en Segovia en 1950. En 1971 vén para Lugo, onde reside dende aquela. Iníciase moi novo na pintura, dando os primeiros pasos con seu pai. Con nove anos asiste a clases de debuxo de estatua na Escola de Artes e Oficios de Segovia. Aos catorce anos iníciase na escultura e trabilla con soldadura eléctrica e autóxena. Aos quince descobre a acuarela dos pintores segovianos Untorbe, Heredero e Román. Aos dezaoito traballa con bronce, metal e aluminio para os arquitectos e pintores Vaquero Palacios e Vaquero Turcios. En 1969 é seleccionado en Segovia (pintores menores de 21 anos) e os seus cadros asisten en Málaga ao Certame Nacional. En 1973 expón por primeira vez individualmente en Lugo. En 1974 é pensionado pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán. En 1975 asiste ás clases do escultor Rodrigo Porral. Coñece o mestre lucense López Guntín, e a partir de 1975 traballa en óleo, acuarela e escultura, realizando exposicións en Galicia e Castela. Dende 1980 dedícase case exclusivamente á acuarela ata 1990; a partir deste ano dedícase á investigación coa acuarela e técnicas mixtas. En 1995 asiste ás clases do gravador madrileño Pablo Sáez. En 1996 retoma a madeira con pintura e talla e volve ao óleo. Dende o ano 2000 ao 2001 traballa con augaforte, fotogravado, acuarela, técnicas mixtas e óleo. Máis de
duascentas exposicións individuais e colectivas en Burgos, León, Bilbao, Segovia, A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Le-Puy-en-Velay (Francia), Oviedo, etc.

Iván Prieto
Naceu no Barco de Valdeorras (Ourense) en 1978. É licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Iniciouse na Escola de Artes e Oficios Antonio Faílde de Ourense, e actualmente vive en Lugo. Ten no seu haber importantes premios e bolsas. Algúns dos espazos nos que realizou exposicións individuais e colectivas son: Galería Espacio 48, Compostela; Casa de Galicia, Madrid; Casa da Cultura do Barco de Valdeorras; Mosteiro de Xagoaza; Fundación Granell, Santiago; Fundación Caixa Galicia, Santiago; Galería Ka, Madrid; Galería Clave, Murcia; Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid; Facultade de Económicas da U. C. de Madrid; Facultade de Medicina da U. C. de Madrid; U.C.M. J. Botánico de Madrid; Sophie’s Palace, Utrecht (Holanda); Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela; Centro Cultural Moncloa, Madrid; Galería El Perro Verde, Madrid; Colexio de España en París; Museo Ramón María Aller, Lalín (Pontevedra); Casa da Parra, Santiago; Casa Museo de Ayllón (Segovia); Facultade de Belas Artes de Madrid; Sala de Exposicións do Zoo-Aquarium, Madrid; Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid); Centro Cultural Conde Duque, Madrid; Museo de San Miguel de Borja, Zaragoza; Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Barchesa Villa Morosini, Mirano (Italia).

Chus Rodríguez
Nacida en Chantada (Lugo) en 1957. Estudos en Barcelona, Ourense e Lugo, onde se gradúa na especialidade de serigrafía (1982). Realiza varias exposicións individuais e colectivas en Lugo, Compostela, Barcelona... Pasou dunha etapa figurativa pop e de alegre colorido a una abstracción xestual, que está combinando na actualidade cun regreso ao figurativo.

María José Santiso
Nacida en Lugo en 1964. Licenciada en Belas Artes, especialidade de Pintura, Universidade de Salamanca (1984 -1989). Graduada en Artes Aplicadas, especialidade de Cerámica, Lugo, con Mención de Honor Fin de Carreira (1982-1984). Course in Art & Design, School of Art & Design, LIT, Limerick. Irlanda (2004). Beca Valdearte de Pintura, Concello do Barco de Valdeorras, Ourense (1995). Múltiples exposicións individuais e colectivas, entre as que destacan as celebradas na galería Sargadelos de Ferrol, Museo Provincial de Lugo, Casa de Galicia en Madrid, Caixa de Pontevedra, Salón de Outono de Pintura da Real Academia de Belas Artes da Coruña, Certame de Pintura do Concello de Monforte de Lemos, Certame de Artes Plásticas.

Orfilia Seixas
Naceu en Londres en 1968. Posteriormente trasladouse a Lugo. Na actualidade reside en Madrid. Pintora, escultora, deseñadora de roupa con especialidade en deseños para teatro. En Orfilia o pincel pinta no lenzo, pero sobre todo nestes derradeiros tempos deslizase con especial soltura sobre a roupa, onde o deseño do traxe se mestura cun acabado pictórico. Na actualidade traballa nunha serie de deseños para nenos.

Vázquez Cereijo
José Vázquez Cereijo naceu en Lugo en 1940. Iníciase en debuxo e pintura con Ricardo Camino no Círculo das Artes, de adolescente estuda e traballa con Ánxel Johan e frecuenta as tertulias de seu tío Luís Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Manuel María e Pilar Tabernero. No Madrid dos 60 estuda arquitectura e cinematografía, e imparte clases de debuxo tres anos na Escola de Arquitectos de Madrid. É distinguido co Premio Nacional de Gravado. Realiza continuas mostras individuais e colectivas en Madrid, Galicia e fóra de España, en importantes galerías e museos, tales coma as madrileñas Galería Toison, Kreisler, Altex, Colage (Rayuela), Moriarti, Juana Mordó, Diart, Estiarte, Argensola, Museo Nacional de Arte Contemporáneo, Palacio de Cristal (Retiro), Centro Cultural de la Villa, Biblioteca Nacional, Calcografía Nacional; e tamén doutras xeografías como María Blanchard de Santander, Galería Vermer, Galería Siena de Valladolid, Veerhurs Nennen de Holanda, Huis of Spanje Te Antwerpen de Bélxica, Sala Ochaval de Buenos Aires, Galería Pardo Bazán da Coruña, Galería Bacelos de Vigo, Galería Clérigos de Lugo, Galería Umberto
de Milán, Galería Noroeste de Santiago, Arthur Klemann de Nova York, Circulo das Artes de Lugo, Museo de Pontevedra, Museo de Ourense, Arco84, Maison D'Espagne
de Liexa (Bélxica), Hauseot Spain Utrech de Holanda, Bienal de Pontevedra, Arco86, Casa da Parra de Santiago, Deputación de Lugo, Fundación Barrié de la Maza, II Mostra de Unión Fenosa, Arco93, Galería Nacional de Praga, Exposición do Festival Celta de Lorient (Bretaña, Francia), etc.

Christian Villamide
Naceu en Lugo en 1966. Entre as súas exposicións pódense destacar: “Asépticos” (Espacio para a arte, Caja Madrid, Pontevedra, 2000); “Humedades”, Galería Abel Lepina (Vigo, 1998); “Foro Atlántico de Arte Contemporánea”, Estación Marítima (A Coruña, 1997); “Humedades”, Galería Clérigos (Lugo, 1997); “Ab Initio”, Galería Pardo Bazán (A Coruña, 1997); “Volcán Vulva - Vulva Volcán”, Galería Pardo Bazán (A Coruña, 1994); “La Mirada Invertida”, Centro Cultural Recoleta (Buenos Aires, Arxentina, 1993); “Sensaciones Griálicas”, Fundación Ana Torre (Buenos Aires, Arxentina, 1992); “Torres Vedras 750 anos”, Fábrica das Artes (Torres Vedras, Portugal, 2000); “6 Artistas Galegos”, Casa da Compañía (Porto, Portugal, 1999), “XI Bienal Internacional de Cerveira” (Portugal, 1999); “Galicia Terra Única”, Novísimos e o seu Entorno Xeracional (Ferrol, 1996); “FAC96”, Forum Atlántico de Arte Contemporánea (Matosinhos, Portugal, 1996); Salon d’Artistes (Mechelen, Bélxica, 1995), e Colección Unión Fenosa, Casa das Artes (Vigo, 1994). As súas obras tamén foron expostas en diversos museos e coleccións: na Delegación de Cultura de Lugo, no Museo Unión Fenosa da Coruña, no Museo Municipal de Ourense, na Fundación de Arte Ana Torre de Buenos Aires, na Xunta de Galicia, na Colección Valdearte do Barco de Valdeorras (Ourense), en Caja Madrid... Conseguiu os seguintes premios e bolsas: adquisición na II Mostra Unión Fenosa (A Coruña), 2º premio de pintura no VI Certame de Artes Plásticas de Lugo, mención honorífica no X premio Ciudad de Jaén de pintura, e bolsa Valdearte 96 (O Barco de Valdeorras, Ourense). Tamén foi seleccionado para o “Reizenn Salon” (Bélxica).


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova