Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O 3 de outubro comezarán as visitas guiadas ó Cemiterio de San Froilán que incluirán 30 puntos de interese


# Mércores, 22/09/2010
O Alcalde, a Concelleira de Servizos Xerais e a Presidenta da Asociación de Cemiterios Singulares Europeos fixeron esta mañá unha visita ós lugares incluídos na guía

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Lugo súmase á lista de cidades europeas que organizan visitas guiadas ós seus cemiterios. O Alcalde, José López Orozco; a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela; e a Presidenta da Asociación de Cemiterios Singulares Europeos, María Luisa Izaguirre, acompañados doutros membros da corporación e de persoas que participaron na posta en marcha desta iniciativa efectuaron un percorrido polos lugares que se inclúen nesta rota polo Cemiterio de San Froilán.

A visita tivo lugar logo da rolda de prensa na que se anunciou o posta en marcha das visitas guiadas ó Cemiterio que comezarán o domingo 3 de outubro.

Segundo anunciou a Concelleira de Asuntos Xerais, as visitas serán de balde, en horario de 11.00 a 13.00 horas, e hai que concertalas chamando ao 010

A rota inclúe 30 tumbas e lugares de interese arquitectónico, antigüidade ou patrimonial e prevese que terá unha duración aproximada dunha hora.

Os visitantes disporán dun folleto informativo e acompañaraos na rota o encargado do Cemiterio.

Na presentación da iniciativa, Luisa Zarzuela explicou que “aínda que todos os lucenses coñecen o cemiterio normalmente acoden a el en circunstancias tristes e nós queremos que descubran aspectos que lles pasan inadvertidos porque o cemiterio é un auténtico museo ó aire libre”.

Un panteón neoclásico de 1800, a grande Cruz dos repatriados e varias tumbas esculpidas en mármore de finais do século XIX e principios do XX son algúns dos monumentos que poderán apreciar quenes efectúen a visita. Tamén poderán ver a tumba do músico Gustavo Freire ou o Xardín das Lembranzas, así como o mausoleo de García Abad pagado por unha cuestación popular e tallas obra do escultor Manuel Mallo.


A Presidenta da Asociación de Cemiterios Singulares Europeos, da que forman parte 118 cidades, incluída a nosa, explicou que o Consello Europeo vén de recoñecer a Rota Europea de Cemiterios como Gran itinerario europeo. A Rota Europea de Cemiterios está formada actualmente por 49 camposantos de 36 cidades pertencentes a 16 países. María Luisa Izaguirre amosou a súa confianza en que pronto forme parte dela o Cemiterio de San Froilán.

En Galicia só Lugo e Camariñas forman parte da Asociación de Cemiterios Singulares Europeos.

O Cemiterio Municipal de Lugo foi inaugurado en 1984. A obra, dirixida por Ruperto Sánchez, fíxose seguindo as liñas xerais do proxecto de Eloi Maquieira, un dos principais representantes da arquitectura racionalista en Galicia. Posteriormente foron trasladados a el algúns panteóns e monumentos funerarios procedentes do antigo cemiterio que data de 1858. Nestes panteóns domina o estilo historicista que impuxera en Lugo o arquitecto Nemesio Cobreros. Tamén é notable a cruz dedicada ós soldados das guerras de Cuba e Filipinas. Entre os persoeiros ilustres que descansan nel figuran Xoán Montes, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Uxío Novoneyra.

Cemiterio Municipal de San Froilán

Visitas históricas Cemiterio Municipal

Data 1ª visita: Domingo 3 de outubro

Prazas: 20

Reserva de praza: Servizo 010 do Concello

Prazo de Inscrición: Ata o venres, 1 de outubro

Información: Servizo 010 do Concello

Duración aproximada: 1:30 horas


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova