Imprimir

ROSENDO ACTUARÁ O VENRES NAS FESTAS DO SAN FROILÁN


5/10/2010 Esta noite actúa a gaiteira Susana Seivane en substitución de Concha Buika

O cantante Rosendo actuará este venres nas festas do San Froilán, segundo vén de anunciar a Concellería de Cultura.

O concerto terá lugar na Horta do Seminario ás 22.00 horas e será organizado polo Concello.

Rosendo substituirá o concerto que ía ofrecer na cidade o grupo Placebo, organizado polo Xacobeo, que, como é sabido, tivo que suspenderse pola enfermidade dun dos membros da banda e que levou a Placebo a cancelar parte da súa xira europea.

O Concello optou pola contratación de Rosendo diante da imposibilidade de que o Xacobeo puidera dispor para esa mesma data dunha actuación axeitada para cubrir o oco que deixou a cancelación do concerto do grupo británico .

A Concellería de Cultura, Nuria Mundiña, manifestou que “aínda que o Concello manexaba varias opcións, a elección de Rosendo considerouse a máis vantaxosa tanto porque o artista accedeu a axustar o seu caché como porque ten un público fiel que asegura o éxito do concerto, máis aínda porque non fixo ningunha actuación recentemente en Galicia”.

Mundiña tamén salientou que o Concello “confía en que o Xacobeo traia a Lugo dentro duns meses, antes de que remate o Ano Santo, unha figura de primeira liña, ó dispor de tempo dabondo para efectuar a súa contratación”.

Hoxe, Susana Seivane

A gaiteira Susana Seivane actuará hoxe nas festas do San Froilán. O concerto terá lugar ás 20.30 na praza de Santa María.

A Concellería de Cultura confirmou este mediodía o concerto que ofrecerá Susana Seivane en substitución da cantante Concha Buika, quen se viu obrigada a suspender a última hora súa actuación en Lugo por mor dunha doenza repentina do pianista que a acompaña nos seus espectáculos.

A contratación de Susana Seivane en tan breve espazo de tempo foi posible grazas a boa disposición da gaiteira galega para actuar na nosa cidade, no programa das festas do San Froilán.

sanfroilan.info