Cargando....
Concello de Lugo
28/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o libro de Javier Serrano "Lucus fulget. As festas literarias nos sanfroiláns finiseculares"


# Mércores, 06/10/2010
É o número 7 da colección San Froilán dos devanceiros

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, asistiron esta tarde á presentación do libro de Javier Serrano Alonso “Lucus fulget. As festas literarias nos sanfroiláns finiseculares (1899-1901)”, nun acto no que tamén interveu o autor e que tivo lugar no Concello.

O libro forma parte da colección San Froilán dos devanceiros que publica o Concello e trata do “gran evento das festas que eran os xogos florais”, segundo destacou Javier Serrano Alonso quen sinalou que esta competición literaria era “unha especie de xogos olímpicos literarios e non había acto nas festas que se aproximase sequera ós xogos florais”.

O libro

Segundo o autor, un dos fenómenos literarios e culturais máis interesantes da segunda metade do século XIX e principios do XX foron os Xogos Florais que recuperaban a memoria dos clásicos medievais constituídos pola Sobregaya Companhia dels Set Trobadors de Tolosa e os adaptaban ao espírito positivista da burguesía liberal.

Javier Serrano explica que a cidade de Lugo non ficou allea a este movemento, e sobre todo con ocasión das festas do San Froilán houbo unha serie de convocatorias que se estenderon ao longo duns cincuenta anos de forma intermitente.

Dentro desta xeira, nos anos do cambio de século (1899, 1900 e 1901) celebráronse seguidas tres festas literarias que o profesor Serrano rescata para a nosa memoria cos seus personaxes, as súas polémicas e unha extensa selección de poesías, prosas e discursos de mantedores, entre os cales destaca a cálida arenga feminista da poetisa ourensá Filomena Dato Muruais.


San Froilán dos devanceiros

A colección San Froilán dos devanceiros publica cada ano un libro sobre algún dos moitos feitos importantes que aconteceron na nosa cidade ao redor das festas patronais.

Outros títulos da colección:

Nº 1: Emilia Pardo Bazán en Lugo (San Froilán, 1906), por Javier Serrano Alonso
Nº 2: A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875), por Darío Xohán Cabana
Nº 3: O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo (1898-1930), por Fernando Arribas Arias
Nº 4: Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959), por Darío Xohán Cabana
Nº 5: Pelúdez. O libro (1908-2008). Cen anos de sanfreiláns contados por el mesmo, por Antonio de Cora, Juan Ramón Somoza, Purificación de Cora, Xosé Trapero e Xosé de Cora
Nº 6: A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán), por J. Luís Calvo e Yago Rodríguez Yáñez

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova