Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participa na multitudinaria presentación da publicación Km0


# Xoves, 30/09/2010


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro deron a coñecer, ante preto de 1.000 persoas, o primeiro libro que “vende” a riqueza medioambiental de Lugo na súa totalidade

Autoridades locais e provinciais, sindicatos, USC, museos, axencias de viaxes, empresarios, autónomos, hostaleiros, numerosos provedores e participantes de Km0, abarrotaron a área recreativa de “Los Robles”

A presentación da publicación de Km0 convértese no acto institucional de maior convocatoria na historia da Deputación de Lugo


A presentación de Km0.Rutas pola Provincia de Lugo converteuse no acto institucional de maior éxito de convocatoria na historia da Deputación de Lugo. O Alcalde, José López Orozco, e o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, deron a coñecer o primeiro libro que “vende” a riqueza medioambiental da provincia na súa totalidade ante case 1.000 persoas que abarrotaron á área recreativa da capital “Los Robles”.

López Orozco destacou que “Lugo e a provincia poden ofrecer moitos atractivos: os programas Km0, Lugo10, patrimonio histórico, como a Muralla, a Catedral de San Martiño ou a vila de Mondoñedo, ademais dun patrimonio natural espléndido, a Ribeira do Miño, a Mariña ou a Ribeira Sacra. Poñer en valor eses atractivos, dalos a coñecer e explotalos son maneiras de xerar recursos económicos e de emprego; unha tarefa na que están traballando sen descanso tanto dende a Deputación como o Concello”.

Pola súa banda, Gómez Besteiro subliñou que “con esta Biblia Verde que recolle as 127 rutas de Km0, sumamos esforzos para seguir xerando riqueza na provincia. A nosa andaina comezou xa en setembro de 2008 coa posta en marcha do noso programa medioambiental que, logo de criticarnos, de tacharnos de despilfarradores, de intentar poñelo en dúbida, frealo e paralizalo, e malia non contar co apoio da Xunta; o seu resultado resúmese nunha frase: Km0 crea emprego. Este é un resultado obxectivo e cuantificable nos 3.000 postos de emprego directos e indirectos que logramos manter mediante a colaboración cos nosos provedores ós que ademais, lles pagamos en efectivo e ó momento neste momento de crise; e nos 20.000 participantes que xa redescubriron a riqueza de Lugo” .

Na convocatoria quixeron estar presentes autoridades locais e provinciais, sindicatos, Universidade, Centros de Ensinanza, museos, axencias de viaxes, empresarios, así como numerosos provedores de Km0, -autónomos, restaurantes, establecementos de lecer ou aventura, transportistas, artesáns...-, así como participantes no pioneiro programa medioambiental en España, e cidadáns en xeral.

Km0.Rutas pola Provincia de Lugo é unha nova iniciativa que se enmarca dentro da aposta polo medioambiente. Con esta publicación, o organismo provincial busca impulsar a economía de Lugo mediante a promoción do potencial natural dunha provincia avalada pola UNESCO no 55% do seu territorio grazas ás tres Reservas da Biosfera, -Terras do Miño, Eo-Oscos-Terras de Burón, e Os Ancares-, que conta con 100 quilómetros de costa e 800 quilómetros de Camiños de peregrinación sendo a provincia de España co maior número.

Deste xeito, dá conta das 127 rutas de Km0.Deputación de Lugo: 88 que transcorren dende o norte ó sur de Lugo e que impulsan o comercio da zona; 14 centradas no deporte e na multiaventura nas que participan distintas empresas lucenses do sector; e 25 polos 4 Camiños que discorren por Lugo, -Francés, Primitivo, da Costa e o do Inverno-, mediante Km0 a Compostela, modalidade coa que a Deputación se converteu na primeira administración cunha programación estable e previa ó Xacobeo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova