Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Universo Crebinsky achega ata Lugo no San Froilán unha proposta de cine e música nun espectáculo único


# Xoves, 30/09/2010
Un pasarrúas, a proxección do filme Crebinsky e un concerto a cargo da banda Crebinsky son os ingredientes deste espectáculo, que se presenta o mércores día 6 de outubro no Auditorio Gustavo Freire

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Crebinsky é unha road movie singular que destila humor entrañable, protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, cun elenco no que destacan Luis Tosar, Celso Bugallo, Patrica de Lorenzo e Farruco Castromán entre outros

A xira Universo Crebinsky chega a Lugo logo de pasar por Ortigueira, Ribadeo, A Coruña e Ourense, e xusto antes de que o filme viaxe ao Festival Internacional de Cine de Pusan (Corea)


A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, o director, productor e guionista de Crebinsky, Enrique Otero, xunto có actor, productor e guionista Miguel de Lira, e Farruco Castromán, actor e productor, presentaron hoxe o Universo Crebinsky. Así, Lugo será a próxima parada da xira estival de Universo Crebinsky, unha maneira especial de achegarse ao mundo creativo particular articulado arredor dunha das películas máis agardadas do cinema galego.

O espectáculo terá lugar o vindeiro mércores 6 de outubro dentro da programación cultural do San Froilán. No Auditorio da Universidade proxectarase ás 21.30 horas o filme Crebinsky, seguido dun concerto da Banda Crebinsky, responsable da banda sonora da película. Antes, ás 20.00 horas, os integrantes da banda levarán a música da película ás rúas da zona vella da cidade a través dun pasarrúas, desde Campo Castelo ata a Facultade de Veterinaria.

Esta é a quinta parada de Universo Crebinsky, que botou a andar en Ortigueira o 8 de xullo, e que chega a Lugo despois de recalar en Ribadeo, A Coruña e Ourense. Deseguido viaxará a Pontevedra, onde o día 23 de outubro pechará o periplo pola xeografía galega do Universo Crebinsky por esta tempada.

Na xira Universo Crebinsky o protagonismo repártese ao 50% entre música e cine. O mundo creativo dos Crebinsky cobra vida nesta proposta singular, un formato novidoso para presentar a película ao público. Ademais do peche da xira, o filme vivirá outro momento importante ao longo do mes de outubro, a súa estrea internacional no Pusan International Film Festival, un dos festivais cinematográficos máis importantes de Asia. A cita terá lugar do 7 ao 15 de outubro na cidade de Pusan (Corea) e Crebinsky é o único filme español que participará na súa competición oficial.

A Banda Crebinsky
O grupo responsable da banda sonora ofrece en directo a súa mestura de paisaxes cinematográficas cos ritmos frenéticos do Leste de Europa. É a Banda Crebinsky, formada por oito músicos que ataviados cos uniformes de banda de música soviética da época ofrecen boa música e moita festa para envolver ao público no ambiente da película.

A banda está encabezada por Pablo Pérez, compositor, contrabaixo, responsable dos arranxos e autor da banda sonora, e o bielorruso Vadim Yukhnevich, voz e acordeón. Completan a formación Fernando Abreu (clarinete), Carlos Castro (vibráfono e percusión), Xacobe Lamas (violín), Miguel Queixas (batería), Pablo Rega (guitarra) e Enrique Otero, director da película (teclados).

Crebinsky: a película
Crebinsky é unha das películas máis esperadas do ano en Galicia. Unha longametraxe rodada en catro idiomas que conta a singular aventura de dous irmáns que inician unha busca desesperada na que rematan por atopar o que menos esperan. Definida polos seus creadores Enrique Otero e Miguel de Lira como “realismo fantasioso”, constitúe unha persoal e delirante historia que destila un humor entrañable.

As tribulacións dos irmáns Crebinsky acaban por envolvernos e emocionarnos nesta peza na que se conxugan unha exquisita fotografía, unha coidada ambientación e unha delicada banda sonora. A película, protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, conta cun elenco de luxo formado por Luis Tosar, Celo Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán entre outros.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova