Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo10 convoca para o 10-10-10 o primeiro Lipdub da cidade


# Xoves, 30/09/2010
A iniciativa, impulsada polo programa Lugo10, pretende reunir a centos de persoas para gravar un videoclip durante as festas de San Froilán coa Muralla Romana como telón de fondo

Imaxe Asociada

Por primeira vez na historia da cidade vaise celebrar unha iniciativa tan innovadora como ambiciosa. O obxectivo é convocar e reunir centos de persoas a través das redes sociais para a gravación dun videoclip que promoverá Lugo e a súa Muralla nunha data moi especial: o 10-10-10 (vindeiro Domingo dás Mozas).

A actividade está impulsada por Lugo 10 e tecnicamente coñécese co nome de lipdub ("dobraxe de beizos"); trátase dun vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincroniza os seus beizos, xestos e movementos cunha canción popular ou calquera outra fonte musical. Realízase nunha soa toma (plano secuencia), e todos os que participan fan playback mentres soa a música nun altofalante. Non importa a calidade do son da toma porque na edición posterior se incorpora a canción como banda sonora.

Como primeiro paso, os usuarios están a propoñer na páxina de facebook de Lugo10, as cancións que poden servir de base ao videoclip. A única condición é que sexa un tema alegre, con ritmo, inspirador para unha cidade como Lugo, e que por suposto permita gravar despois con facilidade un vídeo musical con máis xente. O prazo de propostas finaliza o domingo 5 de outubro. A canción que reciba máis votos (“Gústame"), recibirá como premio dous entradas para o Concerto de Joaquín Sabina en Lugo o próximo 11 de outubro.

Unha vez que se elixa a canción para este particular videoclip, a organización publicará un evento en Facebook para convocar a todas as persoas que queiran participar no videoclip realizando as oportunas indicacións para o día da gravación.

A gravación será o próximo domingo 10 de outubro de 2010 (10-10-10) nun lugar que se desvelará moi pronto, coa Muralla como pano de fondo e cos cidadáns como protagonistas, tanto os convocados a través das redes sociais, coma os que se acheguen por alí. Grazas aos patrocinadores de Lugo 10, haberá regalos e sorpresas para todos os participantes nesta actividade que promete ser divertida e espectacular. Unha vez que o vídeo sexa editado e estea listo, publicarase e viralizará en Internet. Outras iniciativas similares conseguiron miles de visualizacións e polo tanto é un instrumento que combina á perfección: diversión, promoción da cidade e participación cidadá.

Esta acción forma parte do intenso programa de actividades desenvolvido polo equipo de Lugo 10, dende o comezo da súa andaina, tan só hai uns meses, nas redes sociais. A páxina en Facebook do proxecto (facebook.com/Lugo10) xa conta con preto de 5.000 amigos. En Tuenti, a comunidade en torno a este achégase ás 1.000 persoas e en Twitter, o coñecido servizo de microblogging, máis de 300 "followers". Entre as accións desenvolvidas anteriormente destacan, un concurso para encontrar un slogan para Lugo 10 (o gañador foi "Lugo 10, de nota!) ou o concurso 10 amigos 10, para viralizar a imaxe da cidade en ámbitos dixitais.

www.lugo10.es

sanfroilan.info

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova