Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo proponlle á Xunta mellorar a coordinación para axilizar a entrega de xustificantes de empadroamento


# Xoves, 30/09/2010
A Concellería de Servizos Xerais pediu unha entrevista no mes de xuño para tratar deste tema e aínda non recibiu contestación

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, propúxolle á Xunta unha serie de medidas para axilizar a entrega de xustificantes de empadroamento ós cidadáns que requiren deste tipo de documentos para facer trámites de matrículas ou optar a subvencións.

A finais do mes de xuño a Concelleira remitiulle un escrito con estas propostas e coa solicitude dunha xuntanza á Delegación Territorial da Xunta e aínda non tivo resposta.

A Concelleira dirixiuse á Delegación da Xunta en Lugo para pedir a reunión co fin de tratar do problema “que se suscita no noso Concello debido ás aglomeracións de público na Sección do Padrón de habitantes, que teñen a súa orixe na necesidade de solicitar o certificado padroal requirido para distintas tramitacións na Administración Autonómica”.

No escrito explica que a coincidencia de campañas como convocatorias de axudas ou procesos de matrículas que inclúen o requisito de achegar certificado de empadroamento “colapsan os mostradores do Padrón de Habitantes do Concello, que ven expedindo arredor de 200 certificados diariamente, sen contar coa realización dos trámites de xestión habitual”.

A Concelleira de Servizos Xerais explica que esta situación aféctalle tamén ó resto dos Concellos, sobre todo ós de maior poboación, e di que “podería ser subsanable cunha certa coordinación entre as administracións implicadas”.


O Concello propón substituír nas vindeiras convocatorias de axudas, subvencións ou matrículas o certificado padroal polo volante de empadroamento, un documento informativo sobre a situación padroal que pode ser un valioso instrumento para a simplificación administrativa, agás que sexa imprescindible acreditar o empadroamento ante os Tribunais de Xustiza, Organismos estranxeiros, etc. A tramitación do volante é máis sinxela e pódese obter por internet de xeito que non é necesario desprazarse ata as oficinas municipais.
A proposta que lle fixo á Xunta a Concellería de Servizos Xerais tamén pide “que se teña en conta a posibilidade de que estes documentos se soliciten de oficio desde as distintas Administracións, comprometéndose o Concello a remitilos o máis axilmente posible”.

Estas dúas medidas contribuirían a “racionalizar os procedementos e a beneficiar sobre todo á cidadanía”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova