Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Dúas novidosas aulas formativas sobre e-administración e agroganteiría tecnolóxica instálanse no San Froilán por iniciativa da Deputación


# Venres, 08/10/2010
Unha carpa con forma de @ estará aberta do 9 ó 12 de outubro ó carón da Policía e compleméntase con outra carpa que promociona as novas tecnoloxías no sector agrogandeiro.

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Ministro de Fomento, José Blanco, visitarán este sábado a aula itinerante do programa Innova-TE que o organismo provincial fai coincidir coas festas do San Froilán e que permanecerá aberta do 9 ó 12 de outubro. Trátase dunha innovadora carpa de 230 metros cadrados, en forma de arroba, que busca formar e sensibilizar ós cidadáns sobre as vantaxes da administración electrónica e os trámites que poderán facer a través de internet en poucos meses. Gómez Besteiro subliñou que “somos seres dixitais e, como tales, temos que sacarlle o máximo partido ás novas tecnoloxías, perderlles o medo, empezando polas administracións. A nosa obriga é facerlle a vida máis doada ós veciños, aforrándolles tempo e cartos nas súas xestións diarias”.

O organismo provincial situará a aula formativa arroba, unha iniciativa que se enmarca dentro do programa tecnolóxico Innova-TE dotado de 9 millóns de euros e co-financiado nun 70% con fondos da Unión Europea, na rúa Cantiño Nemesio Cobreros arquitecto, ó carón da sede da Policía Local e enfronte do Colexio dos Maristas. O horario de apertura será de 12:00 horas ás 14:30 da mañá e de 16:30 a 22:00 horas.

Será un espazo formativo-lúdico de acceso libre no que os participantes somerxeranse na administración electrónica e novas tecnoloxías mediante obradoiros, xogos, sorteos, agasallos e mesmo simuladores de última xeración. A primeira e obrigatoria parada dos visitantes é un taller do DNI electrónico. O Presidente explicou que “organizamos este obradoiro porque os cidadáns deben saber, en primeiro lugar, cal é a chave da administración aberta 24 horas e 365 días ó ano: o DNI electrónico, que nos permitirá realizar dende a casa, mediante a Internet, 120 trámites coa Deputación e os Concellos grazas ó Innova-TE ”.

Logo de realizar este obradoiro e acadar un diploma que acredite ser coñecedor da “chave” da e-administración, os cidadáns participarán nos sorteos tecnolóxicos de lectores de DNI, chaves USB, e mesmo de 2 ebooks (lectores de libros electrónicos), e outros 2 netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións).

Actividades lúdicas
A carpa formativa arroba contará con actividades lúdicas coas que se pretende achegar e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns, independentemente da súa idade, dunha forma sinxela e divertida. Deste xeito, haberá un taller de fotografías dinámicas, outro de postais dixitais e ata un simulador virtual de carreiras de coches con varios vehículos de tamaño case real. As dúas últimas actividades foron cedidas por Vodafone e R á Deputación de forma gratuíta. A carpa tecnolóxica estará ademais amenizada por Oswaldo Digón. O cómico galego amenizará ós visitantes explicando cos seus monólogos que é a administración electrónica. A carpa contará con sinal wifi e blue wifi gratuíta para os presentes. Deste xeito, ademais de poder conectarse á Rede, interactuarase cos veciños mediante mensaxes gratuítas que chegarán os móbiles para avisar do que acontece na carpa arroba minuto a minuto. Logo de Lugo, a carpa arroba estará nas festas do San Lucas de Mondoñedo.

A Deputación busca e-Granxeiro
Froito da invitación realizada polo Presidente da Deputación no almorzo tecnolóxico celebrado en días pasados ás empresas da provincia punteiras en innovación, dúas delas, Granxa Maruxa e Lugar da Veiga, exporán os seus produtos na carpa de agrogandeiría tecnolóxica denominada “A Deputación busca e-Granxeiro”.

Ademais de información sobre o primeiro centro público de recría de gando que está a liderar a Deputación,  as empresas ofrecerán degustacións coma a antiga receita do pan que embarcaban os mariñeiros no século XV para que puidese durar máis de tres meses sen perder as súas características nutricionais. Ámbalas dúas empresas preocúpanse pola calidade alimentaria e non utilizan nin conservantes nin outros aditivos químicos. 

Para  Granxa Maruxa, de Monterroso, o benestar da vaca proporciona excelencia do seu leite. A Granxa é un auténtico proxecto ecoloxista no que poden atoparse vacas que escoitan a Mozart ou que teñen un cortello no que se realizan exposicións de fotografía. Cada unha das tenreiras foi apadriñada por personaxes tan coñecidos como Alaska, Uxía Branco ou Bebe, padriños que reciben puntual información sobre a súa evolución.

www.sanfroilan.info

 

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova