Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os Alcaldes de Lugo e Ferrol fan votos porque as dúas cidades estreiten máis aínda a súa colaboración para facerlle fronte ás dificultades económicas


# Luns, 11/10/2010
Representantes das dúas corporacións asistiron á recepción que ofreceu o Concello de Lugo no Día de Ferrol

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Ferrol, Vicente Irisarri, apostaron por estreitar a colaboración entre as dúas cidades neste momento de dificultades económicas nos discursos que pronunciaron con motivo da recepción que lle ofreceu o Concello de Lugo ó de Ferrol.

Como é tradicional, no salón de sesións do Concello de Lugo reuníronse hoxe membros das dúas corporacións municipais que asistiron á recepción do Día de Ferrol. Desde as bancadas do público asistiron ó acto un numeroso grupo de ferroláns que desfrutan hoxe da festa do San Froilán.

No seu discurso, o Alcalde de Lugo déullela benvida á corporación e os veciños de Ferrol que hoxe nos visitan e sinalou que “é un pracer que esteades aquí, xa que este acto forma parte esencial das festas do San Froilán, que non serían tal sen que non nos acompañarades”.

López Orozco tamén indicou que “neste discurso sempre nos referíamos ás necesidades, moitas das cales xa se foron cubrindo, pero as cidades nunca están feitas para sempre, por iso tanto Ferrol como Lugo estamos moi atentos a infraestruturas importantes para as nosas comunicacións como é o AVE”.

Noutro momento, López Orozco sinalou que o emprego e a calidade de vida dos cidadáns son dous dos retos máis importantes para as dúas cidades neste momento e expresou o desexo de “que se cumpran as vosas aspiracións de obter da UNESCO a declaración de Patrimonio Mundial á que aspirades”. Neste sentido lembrou que Lugo festexa este ano o décimo aniversario da proclamación da Muralla romana como Patrimonio Mundial, e acabou o seu discurso desexando “mil primaveras máis para Ferrol”.

O rexedor ferrolán, Vicente Irisarri, salientou que “os ferroláns estamos encantados de estar nesta cidade que desprende optimismo, ledicia e festa, unha cidade que é exemplo para as demais”.

O Alcalde de Ferrol felicitouse de que as dúas cidades estean comunicadas por autovía e dixo que agora toca loitar por outras infraestruturas como a Transcantábrica e o AVE.

Tamén salientou que “ó longo da Historia, Lugo e Ferrol compartiron moitos vínculos e neste momento de crise debemos potenciar os intercambios e mellorar as sinerxias en materia tecnolóxica”. “Debemos fomentar as relacións entre empresas e colaborar lealmente como irmáns”, dixo Irisarri que lembrou que xa hai dez anos da irmandade entre as dúas cidades.

www.sanfroilan.info

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova