Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Satisfacción do Concello polo éxito das festas do San Froilán de 2010


# Mércores, 13/10/2010
Orredor de 900.000 persoas desfrutaron das festas, calcúlase que o volume de negocio foi alomenos de 18 millóns de euros.

Imaxe Asociada

Ademais entraron na cidade case un millón e medio de vehículos e 61.000 persoas asistiron ós concertos programados

O Alcalde agradece o traballo da Concelleira e funcionarios de Cultura e da Policía Local


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, fixeron hoxe balance das festas de San Froilán, que cualificaron de “éxito”.

“Creo que fixemos unhas boas festas, con música e atraccións para todos os públicos e todas as idades”, declarou o Alcalde quen se amosou “satisfeito porque se superaron con ben tanto o mal tempo dos primeiros días como incidencias coas que non contabamos como a suspensión ás dez da mañá do concerto de Concha Buika ou a cancelación do de Placebo que fomos quen de substituír rapidamente coas actuacións de Susana Seivane e Rosendo”. O Alcalde aproveitou para manifestar que “agardamos que a Xunta lle ofreza a Lugo o gran concerto que a cidade merece con motivo do Xacobeo e con motivo do Lugo10”.

López Orozco considera que “podemos estar contentos do traballo que fixemos e de que o San Froilán siga a ser a gran festa de Galicia, un sinal de identidade que diferencia a nosa cidade, e na que non houbo problemas de seguridade”.

O Alcalde tamén agradeceu o esforzo que fixo, na organización do seu primeiro San Froilán, a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, que “adicou as súas vacacións a traballar na festa e a solventar calquera problema que puidera suceder”.

Tamén eloxiou o Alcalde “o esforzo dos funcionarios de Cultura que estiveron continuamente ó pé do seu traballo” e o da Policía Local da que salientou que “ó lado das 30 baixas temos que poñer a 110 compoñentes da Policía Local que reforzaron os turnos para facer o traballo dos que colleron a baixa, ata o punto de que moitos non comeron coa familia nin un só día”. Para o Alcalde, estes axentes “deron exemplo de bo traballo e foron quen de poñer á cidade por riba de outros intereses”.

A Concelleira de Cultura cifrou nunhas 900.000 as persoas que pasaron polo San Froilán e dixo que, contando que cada unha delas fixera un gasto de 20 euros, as festas patronais tiveron unha repercusión económica de 18 millóns de euros. Nuria Mundiña, que resumiu en cifras o que deron de si estes días de festa, salientou que “na área de Cultura estamos satisfeitos do resultado e cremos que a maioría da xente desfrutou das festas”, que este ano chegaron a súa 256 edición.

Outras cifras

Calcúlase que 61.000 persoas asistiron ós distintos concertos programados tanto na praza de Santa María como na Horta do Seminario. O espectáculo que reuniu máis público foi o concerto de Fórmula V, con 10.000 asistentes, seguido de Pignoise, con 8.000, e Ilegales, con 7.000. O concerto de Joaquín Sabina, celebrado no Pazo Universitario rexistrou un chego total, con 6.500 asistentes.

Tamén o San Froilanciño tivo un importante éxito. En total, acudiron ó recinto da festa para os cativos unhas 8.900 persoas, 5.300 asistiron ós espectáculos e 3.600 participaron nos xogos. Os espectáculos tiveron unha media de 375 persoas.

En canto á información turística, 3.842 persoas solicitaron información no punto instalado na praza da Constitución e polo Centro de interpretación da Muralla e a súa oficina de turismo, pasaron 1.568 visitantes.

Outro foco de interese nestas datas foi a exposición dos traxes de Ágora, organizada por Lugo10, instalada na Capela de Santa , e que visitaron 3.000 persoas.

A ocupación hoteleira durante a fin de semana da ponte foi de case o 95%. Durante este San Froilán entraron na cidade 1.497.318 vehículos, 106.000 máis que o ano pasado.

En canto ás incidencias, a Policía Local informa de que non se produciu ningunha extraordinaria, foron semellantes as de outros días como chamadas por vehículos estacionados en lugares con vao ou perdas de carteiras.

E para que a cidade recobre o antes posible o seu aspecto normal traballaron especialmente os servizos de limpeza. Desde que comezaron as festas ata media mañá de hoxe ían recollidas 1.250.340 toneladas de lixo, 49 menos que no ano pasado, e 24,75 toneladas de vidro que supoñen 13 máis que no ano 2009.

www.sanfroilan.info




Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova