Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo prepárase para vivir un San Froilán 10


# Venres, 24/09/2010
A Concelleira de Cultura destaca na presentación do programa de festas que este ano “teremos máis abertas ca nunca as dez portas da cidade”

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Este ano haberá 18 concertos nos que van actuar 31 grupos e só un será de pago

Tamén actuarán 11 orquestras e haberá 28 actividades deportivas, entre outros moitos festexos programados polo Concello

Os 50.000 exemplares do programa das festas distribúense desde hoxe nas dependencias municipais e tamén se pode consultar na web do Concello



Os Concelleiros de Cultura, Nuria Mundiña, e de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, presentaron hoxe o programa das Festas de San Froilán 2010 que comezarán oficialmente o día 4 de outubro e rematarán o día 12.

A Concelleira de Cultura informou que o San Froilán inclúe este ano “18 concertos nos que contaremos con 31 grupos e só un, o de Joaquín Sabina, será de pago”. Tamén actuarán 11 orquestras, bandas, charangas e haberá outras moitas actividades como tres exposicións, as dos traxes de Ágora, As Cores da historia e a da Memoria da historia que consta de fotografías antigas de Lugo dixitalizadas.

Ademais Nuria Mundiña animou a lucenses e forasteiros a desfrutar da festa e dixo que “este ano teremos as 10 portas abertas máis ca nunca”, en alusión ó décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial.

Da apertura das portas da Muralla encargaranse este ano estudosos e investigadores. Ademais terá lugar a representación de dous dos milagres de San Froilán, a cargo de Pepe Fontal, o día 4 e o día 12, e tamén haberá unha exposición de maquinaria agrícola clásica o día 9 no tramo peonil da Ronda da Muralla.

Outra novidade do San Froilán 2010 é a unificación do son do recinto feiral. Polas mañás soará música infantil, pola tarde xuvenil e pola noite de discoteca. Ademais, a empresa que se encargará deste servizo estará en contacto cos servizos de Protección Civil por se fora necesario anunciar a perda dalgún pequeno ou calquera tipo de incidencia susceptible de comunicar pola megafonía.

O programa

As festas abriranse oficialmente o día 4 de outubro. Ás 19.30 terá lugar a representación dunha das miragres de San Froilán na Praza Maior. A continuación, ás 20.00 terá lugar a lectura do pregón que estará a cargo do xornalista Francisco Rivera Cela. Para esa noite está programado un concerto da Orquestra Platería, ás 21.30, na praza de Santa María e a partir da medianoite haberá unha verbena coa Orquestra Poceiro.

O programa das festas inclúe, entre outras actuacións, as de Concha Buika, que actuará o día de San Froilán data na que tamén terá lugar a ofrenda ó patrón da cidade; o Certame de Bandas, que terá lugar o día 6; Los Gofiones e Pignoise que actuarán o día 7; Juan Perro e Placebo, esta última actuación organizada polo Xacobeo co que colabora o Concello que se fará cargo da produción do espectáculo, o día 8; o Domingo das Mozas actuará Fórmula V e Helena Villar Janeiro fará a ofrenda a Rosalía e haberá actuacións de grupos de música tradicional; para o día 11, data na que se celebrará o Día do Ferrol, está previsto o único concerto de pago, o de Joaquín Sabina, que actuará no Pazo Universitario e xa só quedan unhas 2.100 entradas. As festas rematarán o día 12 cun espectáculo de Nova Galega de Danza e unha verbena a cardo da orquestra Los Satélites.

Aínda que a apertura oficial do San Froilán terá lugar o día 4, xa haberá actividades deportivas desde esta fin de semana. Ademais o día 30 presentarase a película “Os Crebinsky” no Concello e o día 1 terá lugar a apertura oficial das casetas do polbo, ás 12.00, e un concerto de música indie na praza de Santa María, onde actuarán, ás 20.00 Iván y Josito, Ian e Dorian. Para o día 2 están previstas unha cata comentada, ás 19.00, e ás 20.00 actuarán na praza de Santa María Kike Ganso, Kimuru e Josele Santiago.

O domingo 3 de outubro está programada a actuación de Batital e Kibitka na praza de Santa María, ás 20.00.

O San Froilán deportivo

Durante o San Froilán tamén haberá numerosas actividades deportivas que comezarán xa esta fin de semana. O domingo, día 26 de setembro, terá lugar a XI Marcha cicloturista BTT que sairá do polideportivo municipal O Palomar ás 10.00 e ten prevista a chegada para as 13.30. E tamén ás 10.00 sairá do tramo peonil da Ronda da Muralla a X Concentración Seat 600. Os vehículos xa estarán na cidade a véspera, de 17.00 a 21.30.

O Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, explicou que “o deporte sempre formou parte do San Froilán e este ano están programadas 28 actividades deportivas de 24 modalidades nas que está prevista a participación de 3.000 deportistas o que tamén suporá unha boa contribución a que haxa moito ambiente na cidade”.
Díaz Grandío informou ademais de que este ano están previstas seis actividades novas como a primeira edición do Torneo de tenis de mesa ou un campionato de Dardos.

50.000 programas

A Concellería de Cultura editou 50.000 exemplares do programa oficial das festas que se distribúen desde hoxe nas dependencias municipais. Tamén se pode consultar na páxina web do Concello www.lugo.es.

www.sanfroilan.info



Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova