Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Últimos días para saborear as propostas gastronómicas do VI Concurso de Tapas


# Venres, 24/09/2010
O concurso remata o domingo 26 de setembro

O VI Concurso de Tapas que organiza o Concello de Lugo entra na recta final cun récord de participación. Quedan só dous días para degustar as corenta propostas gastronómicas elaboradas polos establecementos participantes, xa que o concurso termina o domingo 26 de setembro.

Dende que comezou, o pasado 11 de setembro, houbo 23.550 degustacións só na primeira semana de concurso, mentres que o ano pasado foran 10.500 as tapas consumidas neses primeiros días.

As tapas están a triunfar entre os lucenses, e un dos motivos principais é que os corenta establecementos participantes presentan a concurso unhas tapas elaboradas con produtos de calidade da nosa terra. O público pode saborealas como mínimo de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas (os establecementos teñen liberdade para amplialo segundo consideren) e o prezo das tapas oscila entre 1 e 3 euros.
Cada un dos locais participantes conta cun cartel identificativo co nome do local e da tapa coa que concursa; tamén dispón dunha urna e de tarxetas para que os clientes depositen os cupóns de votación. Cada persoa só poderá emitir un voto por local e deberá avaliar a calidade da tapa atendendo a criterios como o sabor, a presentación, o servizo ou os ingredientes e, segundo considere, valorará unha puntuación que vai do 1 ao 7.

Para participar no sorteo dos distintos agasallos que se sortearán entre os clientes deberán acadarse doce selos no folleto-plano. Este folleto pódese recoller en cada un dos bares e restaurantes participantes e na Oficina Municipal de Turismo.

Será o público quen decida os gañadores da Tapa Creativa San Froilán e da Tapa Tradicional San Froilán a través do sistema de votación popular, que se pode realizar de dúas maneiras: por votación directa na urna do local ou vía internet a través das webs www.lugo.es e www.lugoturismo.com.

Do reconto destes votos tamén sairán os 30 establecementos semifinalistas (15 por cada modalidade) e un xurado designado pola organización será o encargado de outorgar as outras cinco categorías de premios contempladas nas bases: 1º e 2º Premio de Tapa Creativa, 1º e 2º Premio de Tapa Tradicional e un Premio á Tapa que mellor maride co viño D.O. Ribeira Sacra ou que mellor use este elemento como ingrediente.

Os días 29 e 30 de setembro o xurado elixirá aos catro finalistas de cada categoría e os gañadores do VI Concurso de Tapas de Lugo coñeceranse o 1 de outubro. O premio consistirá nunha placa conmemorativa e insercións de publicidade.

Tamén se efectuarán os sorteos dos premios que ofreceron varios locais entre as persoas que participen emitindo o seu voto no concurso. Os clientes que acumulen un mínimo de doce selos de diferentes establecementos participarán no sorteo de agasallos como catro lotes de viño D.O. Ribeira Sacra, catro estancias de fin de semana no Gran Hotel e dez entradas ao Club Termal do Gran Hotel de Lugo.

Para máis información consultar as webs www.lugo.es e www.lugoturismo.com.

Concurso de Tapas

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova