Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Satisfacción do Concello pola licitación do proxecto da estación intermodal de Lugo


# Venres, 15/10/2010
O Alcalde cualifica de moi boa noticia para a cidade a publicación do anuncio do no BOE e di que é proba de que o Ministerio de Fomento cumpre as súas promesas con Lugo

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, expresou hoxe a súa satisfacción pola publicación no Boletín Oficial do Estado e no Diario da Unión Europea da licitación do proxecto da estación intermodal de Lugo.

O Alcalde salientou que “é unha moi boa noticia para a nosa cidade, para o crecemento de Lugo, e, sobre todo, para o transporte de mercadorías” e engadiu que “ Lugo leva un tempo pertencendo a rede cidades que van ter tren alta velocidade: aí están as obras que se están a facer na Pobra de San Xiao, nun tramo de 15 quilómetros, para facer o desdobramento, e cun investimento case 94 millóns euros”.

“Con este anuncio, o prazo para o AVE é cada vez mais curto”, dixo o Alcalde. López Orozco engadiu que “trala publicación deste anuncio no BOE e no Diario da Unión Europea só podo felicitarme como lucense e agradecer desvelo e o traballo do Ministro de Fomento que está cumprindo o que dixo o 4 de agosto na nosa cidade”.

O BOE publica hoxe o anuncio de licitación do proxecto e o anteproxecto da estación intermodal, cun montante de 770.000 euros e un prazo de execución de 27 meses. Será a través dun concurso restrinxido e coa intervención dun xurado que elixirá sete dos proxectos entre os que se escollerá logo o que fará o proxecto, segundo explicou o Alcalde.

Con este anuncio, cúmprese o compromiso adquirido polo Ministro de Fomento, José Blanco, que na súa visita a Lugo o pasado día 9 xa anunciara a licitación desta actuación durante o mes de outubro.

A nova estación intermodal deberá dar resposta ás necesidades de interconexión co resto de modos de transporte e sistema xeral viario para garantir a plena mobilidade, polo que a súa redacción deberá levarse a cabo de xeito unitario e conxunto co proxecto da nova estación de autobuses.

O novo edificio de viaxeiros adicado á estación de ferrocarril terá unha superficie en planta de 1.300 metros cadrados, e a parte de estación de autobuses a equivalente aproximada á estación actual.

O protocolo

O primeiro paso para que Lugo dispoña dunha estación intermodal deuse o pasado 4 de agosto cando o Alcalde, José López Orozco, asinou o protocolo co Ministro de Fomento, José Blánco, e o conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández.

O protocolo impulsa a incorporación de Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade e constitúe unha iniciativa estratéxica para o desenvolvemento territorial e económico de Galicia, garantindo a mobilidade dos cidadás.

Na nova estación intermodal integrarase a estación ferroviaria de alta velocidade cos demais sistemas de transporte urbán e interurbán para facilitar o intercambio entre os usuarios do ferrocarril e outros medios de transporte.

Ademais, o protocolo, respectando a ubicación estratéxica no espazo urbán da actual estación ferroviaria de Lugo, determina a necesidade de optimizar recursos, integrando os servizos de hostalería, aparcamento, equipamentos de oficinas e comerciais nas instalacións actuais cos previstos na futura remodelación.

O protocolo establece a remodelación das vías existentes para a súa adaptación á chegada da alta velocidade e a construción dun novo edificio de viaxeiros, que se integre no actual, así como a remodelación do conxunto de instalacións ferroviarias para favorecer a intermodalidade cos demais sistemas de transporte. Neste sentido, tamén se prevé a construción dun novo edificio para a estación de autobuses. Ademais é intención das partes a integración na trama urbana dos terreos colindantes ó trazado que se liberen.

O financiamento

O Ministerio de Fomento financiará o custo da nova estación de alta velocidade e a remodelación das vías e instalacións ferroviarias existentes e o 50% das actuacións de reurbanización do contorno que foran necesarias. A Xunta de Galicia será quen financie a construción da nova estación de autobuses e asumirá o outro 50% do custe da urbanización.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova