Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Visita ó Concello de Lugo do grupo socialista do Parlamento Galego


# Xoves, 21/10/2010
O Alcalde, López Orozco, amosa a súa sorpresa e preocupación porque os Presupostos da Xunta dilatan investimentos proxectados para Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado doutros membros da corporación municipal, recibiu a última hora da mañá ó grupo parlamentario socialista da Cámara galega.

O Alcalde aproveitou a visita do grupo socialista para comunicarlle a súa “sorpresa e preocupación” polo trato que recibe Lugo no proxecto de Presupostos da Xunta de Galicia. “Non hai nada novo, só proxectos que veñen de moi antigo, como o Auditorio ou o Plan Paradai, no que hai menos orzamentos dos que había previstos e o que se fai é dilatar no tempo as obras, co cal algunhas delas remataranse aló polo 2014 ou 2015” destacou o Alcalde.

José López Orozco tamén se declarou “moi sorprendido” polas previsións para o polígono industrial das Gándaras. “Hai unha cantidade para o ano que vén, aínda que dicían que estaría finalizado este ano”.

No encontro co grupo parlamentario socialista, o Alcalde de Lugo amosou, ademais, a súa preocupación por un tema que xa considerou “manido”, as dúas escolas infantís, das que dixo que “temos dúas terminadas, que fixo o Concello cos seus cartos e con achegas do Plan E e aínda non recibín resposta, e xa vai máis dun ano, sobre a colaboración da Xunta en algo no que é competente”.

Outra cuestión á que se referiu o Alcalde foi a Lei de Dependencia. “O Concello fai o esforzo de adicar preto de 900.000 euros ós centros de día nos que reciben atención 90 persoas e non recibimos nin tan sequera boas palabras”, salientou López Orozco.

O voceiro do grupo socialista no Parlamento Galego, Xaquín Fernández Leiceaga, eloxiou “a singular transformación que viviu Lugo nos últimos anos” e dixo que “poucos exemplos hai en Galicia como Lugo que desde hai uns anos converteuse nunha cidade moderna que se transforma e que o Alcalde Orozco está levando a un posto destacado no conxunto do sistema urbano de Galicia ”.

Tocante ós Orzamentos da Xunta indicou que o que sucede coa nosa cidade “é moi parecido ó que lle pasa ó resto de Galicia pola paralización de obras públicas” e cifrou en arredor dun 36% a caída do volume de investimento da Xunta. Tamén asegurou que os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2011 prevén “un aumento do desemprego e a caída no nivel de ocupación que contrasta coa caída no nivel investidor” mentres as contas do Estado “son moi positivas para Galicia”.

Leiceaga tamén considerou preocupante o “recorte drástico en servizos sociais como sanidade, educación ou dependencia, nos que hai unha caída de 340 millóns de euros” e criticou a existencia do que cualificou de “problema de sostibilidade” porque, segundo dixo, “aumenta o nivel de endebedamento para facer moito menos con máis”.

Ó seu xuízo, estes Orzamentos “prolongan a atonía investidora da Xunta no ano e medio da Presidencia de Feijóo que nos levan camiño de que esta lexislatura sexa unha lexislatura perdida en termos de avances sociais e da modernización de Galicia”.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova