Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo Cultural dará a benvida aos universitarios con actividades que se celebrarán do 25 ó 28 de outubro


# Venres, 22/10/2010
A Concelleira de Cultura participou na presentación da Semana de Benvida que organiza a USC e na que colabora o Concello

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, participou esta mañá na presentación Lugo Cultural, o programa cultural deseñado para dar a benvida aos universitarios, un acto no que tamén interviron o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e Paloma Lugilde, encargada das actividades culturais da USC no Campus de Lugo, entre outras autoridades.

É a cuarta edición na que Lugo Cultural deseña un ciclo de iniciativas encamiñadas a dar a benvida aos universitarios, e que supoñen o inicio dunha axenda de espectáculos e actividades de diversa índole que enchen de vida a cidade amurallada o longo de todo o ano.

A Semana de Benvida prolóngase dende este luns 26 deica o venres 28 cunha aposta pola mestura da danza e o teatro de mans da compañía Experimenta Danza, que achegará a súa arte ás facultades do Campus de Lugo os días 25 e 26 a través do espectáculo En Busca do Aire. Esta actividade, dirixida e interpretada por Carlota Pérez, tamén se trasladará ao casco histórico levando a posta en escea ao E=MC2. O día 27 será dedicado á música en distintas localizacións universitarias como a Facultade de Ciencias, o Ibader, o Cactus e novamente o E=MC2 a carón do edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación na praza Pío XII co grupo Ensamble de cordas, que porá a banda sonora á unha das mañás de benvida. Xa pola tarde, o Salón E=MC2 acollerá unha conferencia sobre a historia do jazz a cargo de Luís Gustavo Cuntín.

Os concertos apostan este ano por grupos con grande pegada xuvenil como The Blows, formación viguesa que estreará temas do seu próximo disco, e que actuará na Praza de Santa María o luns 25 ás 20.30 horas. Para pechar con música da máis actual a Semana de Benvida, Lugo Cultural escolle a Anni B Sweet, nominada como artista e autora revelación nos Premios da Música, que ofrecerá o seu espectáculo con coñecidos temas como a versión propia de Take On Me dos noruegueses Ahá, no mesmo emprazamento, pero o xoves 28. No caso de choiva, estes concertos ao aire libre, trasladaríanse ao auditorio Gustavo Freire.

Todas estas actividades serán abertas ao público en xeral, dada a importante acollida que están a recibir dende o seu inicio. Toda a información sobre a programación de Lugo Cultural pode atoparse na web www.lugocultural.es ou en Facebook.

O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Fundación Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

www.lugocultural.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova