Imprimir

O CONCELLO DE LUGO FELICITA A RADIO LUGO POLO SEU 75 ANIVERSARIO


27/10/2010 O Alcalde de Lugo, José López Orozco, fixo entrega dunha placa conmemorativa ao Presidente do Grupo Radio Lugo pola celebración do 75 aniversario da emisora lucense

Logo do acto celebrado no Concello descubriuse a placa na rúa que leva o nome do fundador de Radio Lugo, Julio Beberide


O Alcalde, José López Orozco, en representación do Concello de Lugo, fixo entrega ao Presidente do Grupo Radio Lugo, Julio Beberide Martínez, dunha placa conmemorativa do 75 aniversario que está a celebrar a emisora lucense, que comezaba a súa andadura en Lugo no ano 1935.

O acto comezou as 12.00 horas cunha recepción por parte do Alcalde e membros da Corporación Municipal a Julio Beberide, Mª Carmen Gigosos, Iván Beberide Gigosos, Olga Beberide Gigosos e Victor Soto López. Posteriormente, o Presidente do Grupo Radio Lugo, Julio Beberide, asinou no Libro de Honra do Concello.

Xa no Salón de Plenos, e acompañado por membros da Corporación Municipal, o acto estivo presidido polo Alcalde, José López Orozco, o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o Presidente do Grupo Radio Lugo, Julio Beberide Martínez, e a Directora do Grupo Radio Lugo, Olga Beberide Gigosos.

Tras o saúdo e benvida, o Alcalde fixo entrega dunha Placa Conmemorativa do 75 aniversario a Julio Beberide, e felicitou a Radio Lugo, sinalando o “gran respecto e cariño dos lucenses cara un medio que leva 75 anos acompañando, como un veciño máis, durante o día e en moitos casos durante a noite, ofrecendo oportunidades de coñecer o que acontece no mundo”. López Orozco destacou que é un proxecto con continuidade, e animou a emisora lucense a seguir levando o nome de Lugo ben alto, “como onte, coa emisión do programa Hoy por Hoy, que se retransmitiu en directo dende o Pazo de San Marcos, e que achegou o nome de Lugo a toda España”.

Pola súa banda, o Presidente do Grupo Radio Lugo, Julio Beberide Martínez, fixo un pequeno e emotivo percorrido polos 75 anos de historia da emisora.

Tralo acto no Concello, as autoridades e os directivos de Radio Lugo desprazáronse ata a praza do Castiñeiro onde se descubriu a placa da rúa que leva o nome do fundador de Radio Lugo, Ramón Beberide.

Alí o Alcalde salientou que tamén o acordo do Concello de adicarlle unha rúa da cidade ó fundador de Radio Lugo foi adoptado por unanimidade da Corporación Municipal.
Mentres, o Presidente do Grupo Radio Lugo explicou que tal día como hoxe, hai 75 anos, o seu pai fundou esta veterana emisora de radio da que destacou o seu compromiso con Lugo, que manteñen na actualidade e seguirán sostendo as novas xeracións que están á fronte da emisora.

Ó acto tamén asistiron o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, membros do Goberno local e dos grupos políticos do Concello de Lugo, membros da familia Beberide e traballadores de Radio Lugo.