Imprimir

EXPERTOS NACIONAIS ABORDAN EN LUGO A MELLORA XENÉTICA ANIMAL PARA IMPULSAR A GANDERÍA


28/10/2010 O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural asistiu a inauguración do II Congreso Nacional de Zootecnia que acolle a Facultade de Veterinaria os días 28 e 29 de outubro

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, asistiu este xoves a inauguración do II Congreso Nacional de Zootecnia. Trátase da xornada que acolle a Facultade de Veterinaria dende hoxe e ata o 29 de outubro, e na que expertos de todo o país están a abordar a mellora xenética animal para potenciar o sector gandeiro. O Concello de Lugo, así como a Deputación Provincial, colaboran coa Federación Española de Asociacións de Gando Selecto -Feagas- no impulso deste encontro dentro do “Pacto polo Campo”, un acordo para que as administracións sexan as maiores aliadas dos gandeiros.

Na súa intervención, Lino González Dopeso, fixo un percorrido polos distintos lugares turísticos de Lugo, falando dende a construción da cidade, pasando pola Muralla Romana, o Centro de Romanización, a Catedral, ou o Centro de Interpretación da Muralla. O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural non esqueceu o lema “é para comer Lugo”, e destacou as magnificencias da nosa gastronomía.

Pola súa banda, o Deputado de Gandeiría, José María Arias, presentou ós participantes o proxecto do primeiro centro de recría público en España que construirá a Deputación nas instalacións da granxa Gayoso Castro, e no que inviste máis de 12 millóns de euros. O Deputado destacou que será un referente no eido da I+D+i na provincia, onde os emprendedores poñerán en práctica as últimas técnicas en prol da mellora xenética. “Será a segunda Facultade de Veterinaria do noroeste do país grazas á aposta conxunta do organismo provincial e a USC pola investigación”, sentenciou.

Con esta revolucionaria iniciativa, ademais de incrementar a calidade do gando e xerar riqueza mediante produtos de auténtica calidade, a Deputación aforrará miles de custes ós gandeiros ó evitarlles ter que recriar os seus exemplares fóra de Galicia. O centro do organismo provincial terá capacidade para 3.000 novillas, o triple do que na actualidade poden acoller as instalacións destas características de toda a Comunidade.

A Deputación está agora á espera da Declaración de Impacto Ambiental que debe conceder a Xunta para poder comezar as obras desta revolucionaria iniciativa. Ó respecto, Arias destacou que “esperamos que o Goberno galego axilice os seus trámites e se sume o noso Pacto polo Campo. Témolo moi claro, fronte á crise, ambición. Poderíamos ampararnos na austeridade para non executar este proxecto pero non. O futuro pasa por especializarse e innovarse”.


Programa do encontro

Este xoves, dende ás 11:30 ás 13:00 horas, as ponencias versarán sobre a situación actual dos recursos zooxenéticos a nivel internacional, as aplicacións prácticas da biotecnoloxía do ADN nos programa de mellora xenética, e a utilización da información xenómica na selección de reprodutores. A xornada rematará cunha recepción no Concello de Lugo, e un concerto e unha cea no Círculo das Artes da capital.

O venres, a sesión iniciarase ás 9:00 horas e prolongarase ata ás 13:00 horas. Os temas a abordar son os seguintes: a riqueza do patrimonio gandeiro, o estado actual da sanidade animal, o benestar e a protección animal na gandeiría, o factor racial sobre a calidade do produto, a calidade da carne e o mercado, e a aplicación da PAC a partir de 2013. Os participantes, logo de coñecer a cidade, cearán nas Casetas do polbo de San Froilán.