Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta de Goberno Local aproba as Ordenanzas Fiscais para 2011


# Venres, 29/10/2010
A Xunta de Goberno Local aprobou nunha reunión extraordinaria celebrada hoxe as Ordenanzas Fiscais para o ano que vén.

Imaxe Asociada
O Voceiro do Goberno Local, José Rábade, explicou nunha rolda de prensa celebrada trala sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local que a decisión tomada hoxe supón a conxelación de tarifas de trinta tributos municipais. Esta nova conxelación dos tributos municipais equivale a un aforro para os contribuíntes lucenses de 630.000 euros.

De todos os impostos municipais só se van actualizar, nun 1,8% a recollida de lixo e o 5% na taxa de auga e sumidoiros.

Respecto á Xustiza e defensa da imaxe de Lugo

Ademais, o Voceiro do Goberno Local, José Rábade, aproveitou a rolda de prensa para expresar, tralas últimas actuacións xudiciais no chamado caso Carioca, o respecto do Concello de Lugo á Xustiza: “estamos á súa disposición e desexamos que se clarexe canto antes calquera actuación supostamente delictiva ou irregular”, dixo José Rábade quen engadiu “e digo supostamente porque un dos principios do Estado de Dereito é a presunción de inocencia ata que non haxa unha sentenza condenatoria que só pode ditar a Xustiza”.

José Rábade tamén manifestou que Equipo de goberno do Concello “confía na Policía Local e nas Forzas de Seguridade do Estado” e remarcou ademais que “Lugo é unha cidade de xente honesta e traballadora que non merece ser descalificada por condutas supostamente delictivas dunhas poucas persoas”.

Buses ó Hospital

O Voceiro do Goberno local, que tamén é Concelleiro de Transportes, explicou ademais que o pasado martes mantivo unha xuntanza coa Xunta de Persoal do Hospital Xeral á que tamén asistiu un responsable da empresa que presta o servizo do transporte público da cidade. Nela, os representantes dos traballadores do Hospital fixeron unha serie de propostas para o servizo de buses urbanos ó novo centro hospitalario, cando este entre en funcionamento.

Nesa proposta os representantes dos traballadores do Hospital pediron que se reforce o servizo de buses cadrando coas súas horas de entrada e saída: ás 8.00, 15.00 e 22.00 horas.

Rábade informou de que se comprometeu a estudar a proposta e volver reunirse con eles o martes da semana que vén e adiantou que “despois analizados os aspectos técnicos da súa proposta, estamos en condicións de atender a súa demanda nas horas de entrada e saída do persoal do futuro Hospital, que, por certo, agardamos entre en funcionamento o antes posible”.

“Acéptase a proposta que fai a Xunta de Persoal do Hospital Xeral”, resumiu o Concelleiro de Transporte quen sinalou que “parécenos unha proposta asumible e a nosa intención é prestar o mellor servizo de transporte ó Hospital, porque cantos máis usuarios teña será mellor para a cidade e o medio ambiente”.

O Concelleiro de Transportes, lembrou que Lugo ten os prezos de transporte público máis baratos de Galicia e non pode facer discriminacións nas tarifas que pagan os pasaxeiros. En todo caso, sinalou que desde o Concello “estamos abertos a que
se a Xerencia do Hospital lle quere subvencionar o billete ós seus traballadores, parécenos moi ben e somos receptivos a colaborar con eles”.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova