Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Este xoves comezan as Xornadas que organiza o Concello con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero


# Martes, 02/11/2010
Presentounas esta mañá a Concelleira de Benestar Socia e Igualdade que tamén fixo público o fallo do certame de fotografía

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou hoxe as Xornadas de Prevención contra a Violencia de Xénero que organiza o Concello con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero que se celebra o 25 de novembro.

As Xornadas celébranse baixo o lema “Abróchate” e o cartel, que reproduce un cinto de seguridade de cor violeta, foi deseñado por alumnos do colexio Fingoi.

Os actos comezan este xoves, día 4 de novembro. Para esa xornada está programada a conferencia “Mulleres estranxeiras vítimas da violencia de xénero; dereitos e recursos”, a cargo de Isabel Ozores Sieira, asesora xurídica da Oficina de Atención a Persoas Inmigrantes e Emigrantes Retornados e a traballadora social María José Castro Álvarez. Será ás 20.00 no Centro de Convivencia Maruja Mallo.

O xoves 11 de novembro haberá unha táboa redonda sobre “Violencia de xénero e discapacidades” na que intervirán representantes da Asociación de Mulleres con discapacidades de Galicia ACADAR, da Asociación de Persoas Xordas de Lugo AXORLU, da Organización Nacional de Persoas Cegas ONCE e da Asociación Lucense de persoas enfermas mentais ALUME. Este debate terá lugar ás 20.00 no Centro de Convivencia Maruja Mallo.

Para o xoves 18 de novembro está prevista a presentación do primeiro estudo da prostitución en Galicia, a cargo de Belén Puñal, que é xornalista e forma parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Será ás 19.00, tamén no Centro de Convivencia Maruja Mallo. A continuación, ás 20.00, terá lugar unha táboa redonda sobre “Trata de mulleres con fins de explotación sexual” que contará coas intervencións de Silvia Pérez Freire, socióloga e profesora da Universidade de Vigo; Cristina García Gallego, avogada especialista en Dereito de Estranxeiría, e Belén Regueiro Burgo, pedagoga da Casa da Muller.

Cadrando co Día Internacional contra a violencia de xénero, o 25 de novembro na praza de Santo Domingo lerase un manifesto de homes de Lugo contra a violencia sobre as mulleres, ás 12.00. Tamén se fará unha ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero. E pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar no Centro de Convivencia Maruja Mallo a conferencia “O novo tratamento xornalístico das noticias sobre violencia de xénero”, a cargo de Pilar López Díaz, profesora de Ciencias da Información e investigadora de Políticas de Xénero.

O día seguinte, o venres 26, ás 12.00 terá lugar no polideportivo do Instituto Politécnico a representación da obra “Caminando”, pola Compañía “Alkimia 130teatro abierto”.

Durante as conferencias no Centro de Convivencia Maruja Mallo haberá un servizo de atención para nenos e nenas de 3 a 12 anos, para facilitar a asistencia de pais e nais ós actos.

Ademais está previsto que os alumnos do Colexio Fingoi elaboren unha curtametraxe da que se distribuirán copias ós Centros escolares para que o alumnado o poida empregar como material de debate sobre a violencia sexista.

Premios de fotografía

Carmen Basadre deu conta tamén do fallo do xurado do I Certame de Fotografía “Revelando o machismo”: Eva Cividanes Portela, de Santiago, foi a gañadora do primeiro premio deste certame, que está dotado con 600 euros. O finalista, que recibirá un diploma, foi o lucense Guillermo Dacal Pérez.
A Concelleira tamén informou de que o I Certame de narrativa xuvenil “Entre Iguais” quedou deserto porque non se presentaron orixinais.

Foro Igualdade

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade informou tamén da reunión que celebrou hoxe o Foro de Igualdade. O Foro recibiu información sobre as súas políticas de igualdade de 6 empresas que traballan para o Concello. O resto terán de prazo ata o 31 de decembro para facela chegar.

Programa de actividades das Xornadas en PDF




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova