Imprimir

O CONCELLO ATENDE AS PETICIÓNS DE TRANSPORTE PÚBLICO Ó NOVO HOSPITAL NOS HORARIOS DE ENTRADA E SAÍDA DOS TRABALLADORES DO HULA


2/11/2010 Haberá tres autobuses que cubrirán este servizo nos cambios de turno con saída desde a Fonte dos Ranchos, Alfonso X O Sabio e a Ronda da Muralla, segundo lle explicou o Concelleiro de Transportes á Xunta de Persoal do HULA

Ademais esta medida supón que a cidade estará conectada con buses urbanos co Hospital desde as 7.20 ata as 22.20

O Concelleiro de Transportes, José Rábade, informou hoxe á Xunta de Persoal do Hospital de que o Concello atenderá as súa demanda de que haxa transporte público ó novo Hospital nas horas de entrada e saída do persoal.

O Concelleiro explicou que con esta medida “se dá satisfacción a un colectivo importante de traballadores”. Trala reunión coa Xunta de Persoal, José Rábade indicou que os representantes dos traballadores “expresaron a súa satisfacción pola decisión do Concello de atender as súas peticións e amosaron a súa disposición a usar o transporte público para os desprazamentos ó novo Hospital”.

A ampliación do servizo de transporte público ó HULA facilitará o traslado en bus ó seu posto de traballo ós empregados e tamén lle dará un mellor servizo a todos os cidadáns que necesiten desprazarse desde a cidade ó novo Hospital xa que supón a ampliación dos horarios dos buses urbanos que funcionarán desde as 7.20 ata as 22.20 horas.

Para atender os horarios de cambio de turno do persoal, ás 8.00, ás 15.00 e ás 22.00, haberá tres liñas de autobuses: a 14 que comunicará a Ronda da Muralla -desde o edificio dos Sindicatos- co HULA; a especial 14A que sairá da Fonte dos Ranchos nº 28-30 Esquina Dr. Ochoa (Hospital Xeral), e a especial 14B con saída desde Alfonso X O Sabio (fronte á Facultade de Empresariais).

Estes tres servizos especiais sairán ás 7.20, ás 14.20 e ás 21.20 do seu punto de orixe e comezarán o seu itinerario de volta á cidade desde o HULA ás 8.20, 15.20 e 22.20.

Durante o resto do día a cidade estará comunicada co novo Hospital con dúas liñas de autobuses que sairán da Ronda da Muralla cunha frecuencia de 25 minutos. A liña 14 fará o recorrido Ronda Muralla-Fervedoira-Hospital Lucus Augusti e a 14ª, cuxo itinerario será Ronda Muralla-Gándaras-Hospital Lucus Augusti.