Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo rexeita a suba do 35% no canon de saneamento prevista pola Xunta e vaille propor á FEGAMP que o cobre o Goberno Galego e non os Concellos


# Xoves, 04/11/2010
A Concelleira de Economía e Emprego considera irresponsable e demagóxica a actitude da oposición respecto ás Ordenanzas Fiscais

Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, informou, trala xuntanza que celebrou hoxe a Comisión de Contas, que “todo parece indicar que o BNG e o PP non permitirán aprobar a proposta das Ordenanzas Fiscais para 2011 que fixo o Goberno local”, algo que considerou “unha actitude irresponsable e demagóxica de PP e BNG, coa que se demostra que non están preparados para gobernar e asumir decisións de futuro xa que só pensan no rédito electoral a curto prazo”. Ademais asegurou que “a postura que hoxe manifestaron os grupos da oposición é obstrucionista e electoralista, só pretende afogar as arcas do Concello e vai en contra dos informes xurídicos e económicos que aconsellan unha adaptación destas taxas á realidade”.

Méndez anunciou que “de confirmarse que nin o PP nin o BNG permitirán que saian adiante, o Goberno retirará as propostas de auga e lixo para 2011”.

A Concelleira de Economía lembrou que a proposta supón a conxelación de máis de 30 taxas e a actualización de tres nunha porcentaxe que “non é gravosa para os petos dos cidadáns senón que é mínima porque se trata de ir facendo unha actualización gradual do custe dos servizos sen sobrecargar ós lucenses ”.

“Lugo ten a auga de máis calidade de Galicia e actualmente a máis barata”, argumentou Sonia Méndez quen lembrou que “a auga baixou este ano para o 55% dos usuarios grazas a renovación nas tarifas pola que se cobra o consumo real”.

Para Sonia Méndez, no caso do Partido Popular non apoiar a actualización da taxa da auga “ademais de irresponsabilidade é unha clara hipocresía” e explicou que este grupo “presentou unha enmenda que propón bonificacións indeterminadas de dubidosa legalidade e incrementaría o déficit dos servizos”.

Sogama cobra máis polo mesmo

A Concelleira de Economía explicou que a suba no lixo proposta era do 1,8%, o equivalente ó IPC interanual, “para paliar a suba de máis de 200.000 euros que aplica a Xunta a través de Sogama ó Concello, que vai cobrar un 12% máis sen ter mellorado o servizo”.

A suba nun 5% na taxa de subministro de auga potable e de sumidoiros representa entre 20 e 60 céntimos ó mes a cada familia, “o mesmo que custaría comprar cada día unha botella de litro e medio de auga embotellada que agora se poden aforrar”, indicou Sonia Méndez quen cuantificou en 300.000 euros o que ingresaría o Concello “e que agora haberá que quitar doutras partidas, ó final pagan igualmente os lucenses”.

Máis subas da Xunta

Ademais a Concelleira de Economía denunciou “a suba que prepara a Xunta do PP ás agachadas: unha suba do 35% no canon de saneamento da auga e un novo coeficiente de verquido”. Méndez ademais afirmou que “a Xunta pretende cobrar por anticipado e di que logo fará os investimentos, primeiro cobra e dí que despois mellorará as infraestruturas de saneamento sen clarexar cales vai mellorar en Lugo”.

Sonia Méndez explicou que o Concello de Lugo oponse a estas subas que prepara a Xunta e vaille propor á Federación Galega de Municipios e Provincias que sexa o Goberno galego quen o cobre e non os Concellos.

“O canon de saneamento suporá 51 euros máis ó ano e o coeficiente de verquido 102 euros ó ano, isa é a rebaixa de impostos da que se xacta Fejóo, que non é tal”, manifestou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, quen anunciou que o Concello vaille plantexar á Fegamp “que o cobre a Xunta directamente e dea a cara ante os cidadáns”.

Sinalización turística

A responsable de Economía indicou tamén que na Comisión de Contas fíxose balance das actuacións do Plan Urban e salientou que “felizmente a Comisión de Patrimonio rectificou o seu informe contrario á sinalización turística da cidade e aceptou a proposta que fixemos”.

Contratos legais

Méndez amosouse sorprendida porque o PP non pediu explicacións na Comisión da “telenovela por capítulos que vén protagonizando o Concelleiro Rozas no tocante ós contratos do Concello que xa lle deu para tres roldas de prensa”. A xuízo da Concelleira de Economía “isto demostra que o PP fai política na sala de prensa e non nas institucións, eles saberán por que”.

Considera Méndez que é proba de que “non o consideran problema senón plantexaríano ante os funcionarios do Concello” e engadiu que “estamos ansiosos de que cumpran a ameaza de acudir ós tribunais porque non hai ningún delito nin infracción, o seu afán só é conseguir un titular e dar a noticia tres veces”.



Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova