Imprimir

O CONCELLO APROBA A EXPROPIACIÓN DE DOUS INMOBLES COLINDANTES COA CASA CONSISTORIAL PARA INSTALAR O EDIFICIO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS


10/11/2010 A Xunta de Goberno tamén acordou recorrir a negativa da Xunta a protexer o contorno do parque Rosalía de Castro

O Concello de Lugo aprobou inicialmente a proposta para expropiar os inmobles colindantes coa Casa Consistorial situados nos números 2 e 4 da praza Anxo Fernández Gómez.

O obxectivo desta expropiación e ampliar as instalacións do Concello e instalar o Edificio das novas tecnoloxías, un proxecto incluído no Plan Urban que conta con financiamento da Unión Europea e da Deputación provincial. O Concello compensará economicamente tanto ós propietarios coma ós arrendatarios dos dous inmobles.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou hoxe presentar un recurso contencioso administrativo contra a negativa da Consellería de Cultura de autorizar o proxecto do novo peche do Parque Rosalía de Castro. A interposición do recurso no xulgado do contencioso administrativo decídese logo de que a Xunta non atendera o recurso de alzada que presentou o Concello contra unha decisión que a Administración local considera arbitraria por desautorizar obras de competencia municipal nun ben que non é obxecto de protección. O Concello considera que con esa resolución a Consellería de Cultura excedeu as súas competencias porque o parque Rosalía de Castro non é un ben incluído no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación provisional das obras de rexeneración de firmes na estrada de Brea ó enlace coa Autovía no Ceao á empresa Obras y Viales Bascuas S.L. por un importe de 153.954 euros e cun prazo de execución de dous meses e medio.