Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo10 e a empresa INPE presentan a colección de deseños Lugo10


# Venres, 12/11/2010
O Alcalde de Lugo e a deseñadora Inés López asinaron hoxe, na Casa dos Mosaicos, un convenio de colaboración no marco do programa Lugo10

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

INPE presentou unha colección de deseños a través de obxectos cotiáns para difundir o nome de Lugo e o seu Patrimonio Cultural


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a responsable da empresa INPE, Inés López Penelas, asinaron hoxe un convenio de colaboración no marco do programa Lugo10. A empresa INPE elaborará unha colección de deseños denominada Lugo10 que versará sobre a a cidade, o seu monumento máis simbólico, a Muralla Romana, e a marca que representa o programa de actos conmemorativos do Décimo Aniversario, Lugo10.

No acto de presentación, que tivo lugar na Casa dos Mosaicos, o Alcalde de Lugo destacou que “a través desta creativa iniciativa, Lugo10 vai ter continuidade no tempo. Non só este ano de celebración do Décimo Aniversario, senón que estará presente, a través de múltiples obxectos feitos en pel e outros materiais, durante os vindeiros anos”.

A través de obxectos cotiáns, como camisetas, bolsos, fundas para o portátil ou o móbil, ou unha caixa de viño, a empresa INPE pretende, segundo sinalou a súa responsable, Inés López, “sumar esforzos para difundir o nome da cidade de Lugo e o seu rico patrimonio artístico, coa Muralla Romana como buque insignia”.

O Alcalde de Lugo destacou a orixinalidade do proxecto, e agradeceu o compromiso da empresa INPE con Lugo, sinalando que “unha cidade non só a fai o Alcalde, senón moitísima xente que está a traballar para levar o nome de Lugo máis alá das nosas Murallas”. Precisamente, Inés López comentou que “tratarei de levar esta colección moi lonxe, xa que estou pendente dun proxecto en Los Ángeles, e se sae adiante, Lugo10 estará comigo”.

Os deseños poderán adquirise na tenda que a empresa INPE posúe nas Galerías da Praza de Santo Domingo.

INPE únese ao Programa Lugo10

Lugo10 é un programa de actos e actividades culturais, deportivas, artísticas, sociais e medioambientais que se está a desenvolver ao longo de todo o ano 2010. Unha iniciativa aberta aos lucenses e financiada integramente por colaboradores e patrocinadores que pretende conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

Lugo10 fixo a súa presentación oficial o 11 de xaneiro cunha espectacular gala celebrada no Círculo das Artes. A partires deste intre, a marca Lugo10 estivo presente en Internet e as redes sociais a través da páxina web www.lugo10.es. Tivo a súa presenza en FITUR, e no mes de marzo organizou a I Subida Muralla de Lugo coa Escudería Miño. En abril houbo música da man dos Secretos, no Auditorio Gustavo Freire, e moda, coa celebración da Gala Muralla Moda 2010 que acadou unha gran repercusión mediática. Xuño e Xullo ofreceu aos lucenses e visitantes jazz nas rúas así como a posibilidade de coñecer a historia romana da cidade a través das Xornadas sobre Romanización. Lugo10 ademais estivo presente durante estes meses en toda a cidade a través de moitas actividades como Breackdance nas rúas, exposicións (“Orígenes”, “Miradas, tramas, expresións e realidades”), visitas teatralizadas no centro histórico ou a celebración da Gala de Danza Lugo10, celebrada o 4 de xuño no Auditorio Gustavo Freire, e que acadou un gran éxito.

Máis de 800 persoas participaron nas actividades de Lugo10 Lugoteando, celebradas no río Miño, e preto de 10.000 foron as que visitaron o Barco Muralla de Lugo, unha aula turístico-medioambiental móbil e pioneira en España que a Deputación de Lugo puxo en marcha para homenaxear a Muralla lucense polas principais cidades españolas. E coma non podería ser doutro xeito, Lugo10 non podía esquecer unha cita histórica, a celebración da final do Mundial de Sudáfrica España-Holanda, que compartiu con todos os afeccionados na Praza de Santa María.

Varias empresas quixeron sumarse a esta celebración como Coca-Cola, que fixo a súa particular homenaxe a Muralla lucense cunha botella conmemorativa, da que se fixeron dúas tiradas de 3.000 unidades e que aínda hoxe poden conseguir os visitantes do Centro de Interpretación da Muralla, da Casa dos Mosaicos e do Museo Arqueolóxico de San Roque.

Dende Lugo 10 tamén se quere apoiar aos novos talentos. Así, músicos, actores ou directores de cine teñen a oportunidade de participar no Concurso Nacional de curtametraxes e maquetas Lugo10 que organiza a Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, e que está dotado con 9.000 euros en premios.

Lugo10 segue a estar presente nas rúas; un colorido logo de Lugo10 en flores dan a benvida a zona da Mosqueira, 34 autobuses da empresa Monbus locen a marca Lugo10 polas estradas, rueiros da cidade, 5.000 exemplares coa información sobre os restaurantes do centro histórico e os hoteis de Lugo así coma mupis nas principais rúas da cidade ou os laterais das novas máquinas da ORA.

Dende a concesión da marca Lugo10, todas as actividades realizadas dende o Concello contan coa súa presenza. Unha marca que ten vocación de continuidade e que se manterá unha vez rematado o ano 2010 i e que Lugo10 no só homenaxea o Décimo Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial, senón que expresa a idea dun Lugo moderno, dunha cidade excelente e con xente que merece un 10.

Lugo10 conta coa colaboración e patrocinio de o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Laboratorios Nupel, Emetel, Urbaser, Telefónica, Gestagua, Calfensa, Fundación Azkar, Asogal Construcciones, Monbus, Cociñas Lareira, Transportes Valín, Ministerio de Cultura, Ministerio de Fomento-IGN, Correos, Coca-Cola, ONCE, Fundación César Egido Serrano, Mod Producciones, El Progreso, La Caixa, Caixa Galicia, La Voz de Galicia, o Xacobeo e INPE.

www.lugo10.es









Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova