Cargando....
Concello de Lugo
25/09/22
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo garante auga ó novo Hospital para que poida abrir o 22 de novembro como prometeu a Xunta


# Venres, 12/11/2010
O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, demostra con documentos que o Sergas non pediu ata onte, a once días da apertura do Hospital, o subministro de 1.200 metros cúbicos diarios de auga

Imaxe Asociada
Piñeiro tamén anunciou que o Concello seguirá a colaborar para que Lugo conte por fin co novo Hospital e vaille facer fronte á nova petición que do Sergas


O Concello de Lugo fará fronte ó aumento do subministro de auga ó Hospital Lucus Augusti, que se plantexou onte, día 11 de novembro, só once días antes da apertura do novo Hospital, segundo anunciou hoxe o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, quen remarcou que “o Concello sempre atendeu todos os requerimentos da Xunta para o Hospital para que Lugo conte, dunha vez, coas novas instalacións sanitarias”.

Logo da cesión gratuíta dos terreos nos que se levantou o Hospital, da construción dos viais e a instalación dos servizos requiridos, o Concello tamén amosa a súa disposición a colaborar para atender as necesidades de auga que acaba de plantexar o Sergas.

José Piñeiro aclarou que as necesidades de auga que sempre se lle plantexaron ó Concello foron dun caudal de 700 metros cúbicos diarios “ e nós subministrámoslles 840 metros cúbicos ó día, ou sexa 140 máis do que pediran, e agora, de repente piden 1.200 metros cúbicos/ día”.

“Iso non é de recibo”, declarou o Concelleiro de Infraestruturas. “Dame a impresión de que deben de ter problemas para abrir o Hospital o día 22, como prometeron, e están a buscar un cabeza de turco”, continuou Piñeiro quen asegurou que “o Hospital ten auga e pode abrir ese día sen problemas de auga, de feito o Concello está subministrando un 20% máis do que se pediu”.

Piñeiro aportou documentos dos anos 1999 e 2002 nos que se cifraba a necesidade de caudal de auga diaria en 700 metros cúbicos e o escrito con data de onte no que o Director de Recursos Económicos do Sergas fixa esa necesidade diaria en 1.200 metros cúbicos ó día.

Logo de detallar o contido dos tres escritos, Piñeiro indicou que “se se equivocaron, non pasa nada, estamos para colaborar, pero quenes se equivocaron foron eles, non o Concello que, en todo caso, está disposto a colaborar, como sempre fixo, para que o Hospital se abra o día 22 como prometeu Feijóo”.

Piñeiro asegurou que “o Hospital ten auga e, se non o poden abrir nesa data non é por culpa do Concello, nós cumprimos con todo e fóronse facendo todas as modificacións que nos pediron, atendendo as solicitudes de cambio que nos ían facendo día a día, a medida que se ían producindo”. Tamén indicou que “sempre atendemos a todo o que nos pediron porque nós queremos que o Hospital funcione o antes posible, que é o que merecen os lucenses”.



Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova