Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo quedará por primeira vez sen Obradoiros de Emprego por decisión da Xunta


# Luns, 15/11/2010
A Concelleira de Economía e Emprego denunciou esta decisión que afecta a 42 parados e anuncia tres novas accións formativas de Lugo Emprego Activo das que se beneficiarán 45 desempregados lucenses

Imaxe Asociada

A Xunta de Galicia denegou os dous obradoiros de emprego solicitados polo Concello o que suporá que, por primeira vez, os parados de Lugo non poderán acceder a estes obradoiros, segundo denunciou hoxe a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

O Concello pedira un obradoiro de emprego sobre dixitalización de documentos e outro para a rehabilitación de escolas rurais e a negativa da Xunta supón que non poderán acollerse a eles 42 veciños de Lugo que carecen de emprego, ademais de privar ós veciños desas melloras.

A Concelleira de Economía e Emprego explicou que esta decisión do Goberno galego produciuse logo de que xa Lugo vira reducidos de 600.000 a 200.000 euros os fondos dos Programas de cooperación da Xunta o que supuxo que as contratacións de parados baixaran de 26 a 14.

Sonia Méndez criticou estes recortes que lle afectan a nosa cidade mentres “non é así nos concellos gobernados polo Partido Popular que teñen menos poboación e tamén menos parados”.

“Os criterios para o reparto de fondos non se fai en función da poboación senón con criterios partidistas de xeito que a Xunta discrimina ós parados lucenses”, declarou a Concelleira de Economía e Emprego.

Nova oferta de Lugo Emprego Activo para parados

Pola contra, o Concello que non ten competencias nas políticas activas de emprego, como lembrou Sonia Méndez, vai ampliar a 45 persoas máis os beneficiarios do programa Lugo Emprego Activo, cofinanciado polo Concello e o Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Política Territorial.

300 parados lucenses participan nas 20 accións formativas programadas inicialmente neste programa, cinco delas aínda en marcha. Estas accións formativas contan cunha parte teórica e unha práctica e están dotadas cunha beca.

Ata o momento os desempregados participantes no programa Lugo Emprego Activo recibiron máis de 300.000 euros.

A Concelleira de Economía anunciou que se vai abrir unha nova oferta coas tres accións formativas que tiveron máis demanda (coidador de persoas discapacitadas físicas e psíquicas, atención especializada para persoas enfermas de alzheimer e técnico en transporte sanitario) das que se beneficiarán outras 45 persoas desempregadas.

O prazo para inscribirse nelas estará aberta desde o 25 de novembro ata o 15 de xaneiro do ano que vén. Os interesados deberán cumprimentar a solicitude que estará a súa disposición no Espazo>Lab e tamén poden informarse no teléfono 010 de atención cidadán.

Auga para o HULA

Sonia Méndez declarou tamén que o Concello está a facer os estudos para atender a última solicitude que fixo o Sergas de subministro de auga ó novo Hospital.

Lembrou que a petición que sempre fixera o Sergas foi de 700 metros cúbicos diarios ata que a semana pasada reclamou primeiro 1.200 metros cúbicos por día e logo subiu a 1.600.

O Concello xa está a subministrar 840 metros cúbicos, “unha cantidade que é aparentemente suficiente”, segundo manifestou Sonia Méndez “xa que o consumo de auga dun Hospital como La Paz de Madrid, que ten 1.492 camas é de 716 metros cúbicos ó día, e o de Lugo ten 869 camas.”

“Nós tememos que esta actuación da Xunta é unha escusa para ocultar que teñen problemas para abrir o Hospital pero os feitos demostran que o Concello actuou coa debida dilixencia”, engadiu a Concelleira.


Orzamentos

A Concelleira de Economía tamén anunciou que o Goberno local presentaralle a vindeira semana ós grupos políticos o proxecto de Orzamentos do Concello para o ano que vén.

Méndez indicou que serán semellantes ós de este ano e que se manterá o investimento en temas sociais porque o Goberno local considera fundamental manter este esforzo nesa área.

www.lugo.es/espazolab

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova