Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo converterase na capital dos internautas do 26 ó 28 deste mes


# Martes, 16/11/2010
O Concello e a Deputación organizan a cuarta edición da Ludus Party que reunirá na Casa do Deporte a 300 internautas chegados de toda España

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde salienta que o evento reflexa a importancia que lle dá o Concello ás novas tecnoloxías e o Presidente da Deputación di que era obrigatorio estar na Ludus para unha institución que traballa na implantación da administración electrónica

O Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentaron hoxe a cuarta edición da Ludus Party, un evento que reunirá en Lugo a internautas de toda España durante a última fin de semana deste mes de novembro.

A Ludus Party celebrarase os días 26, 27 e 28 de novembro, na Casa do Deporte, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación provincial.

Na presentación do encontro informático, o Alcalde destacou que este evento “reflexa a importancia que lle dá o Concello ás novas tecnoloxías”. Tamén sinalou que se trata “dunha xuntanza moi acreditada xa entre os internautas que permite situar a Lugo no mundo das novas tecnoloxía e o Concello está atento a esa novo xeito de comunicación que usan sobre todo as persoas máis novas”.

López Orozco salientou ademais que a Ludus Party pode celebrarse grazas á importante colaboración económica que lle presta a Deputación provincial. A achega da institución que preside José Ramón Gómez Besteiro é de 60.000 euros, 20.000 de patrocinio e 40.000 na organización de actividades.

Tamén agradeceu o Alcalde a colaboración que prestan empresas do sector así como traballadores do Concello e asociacións para a celebración dun evento que porá a Lugo, dixo, no mundo das novas tecnoloxías.

O Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou que "na única party informática na provincia, para unha Deputación que está a participar nos programas de fondos europeos de novas tecnoloxías e que quere, ó igual que o Concello de Lugo, implantar a administración electrónica, era obrigatorio estar en Ludus". Besteiro explicou que a colaboración da institución provincial coa Ludus Party canalízase a través do Programa Innóvate e da Fundación Tic e sinalou que a oferta pasará desde actividades para familiarizarse coas últimas novidades informáticas ata obradoiros de realidade virtual.

Nesta cuarta edición da Ludus Party hai 300 inscritos procedentes non só de Lugo e o resto de Galicia. Tamén virán do Norte de España, Madrid, Valladolid e Sevilla, entre outros puntos da xeografía española.

O éxito da convocatoria foi tal que dúas horas despois de abrirse o prazo de inscricións xa había 100 persoas anotadas.

O Alcalde animou a todos os lucenses a achegarse neses días pola Casa do Deporte e sinalou que non só haberá xogos, intercambio de tecnoloxía, tamén se celebrarán cursos dirixidos á seguridade na rede e explicou que a os participantes disporán de 300 mb de saída.

Colaboración da Deputación

A Deputación colabora con 60.000 euros na celebración da Ludus Party 2010, a través da Fundación TIC e do Innova-TE, o programa financiado nun 70% por fondos FEDER que garante a implantación da administración electrónica en menos dun ano.

O organismo provincial vai instalar a fin de semana da Ludus xunto a Casa do Deporte a arroba, a carpa de 230 metros cadrados, coa que se busca formar e sensibilizar ós cidadáns sobre as vantaxes da administración electrónica e os trámites que poderán facer a través da internet en poucos meses.

A Ludus Party é o escaparate das novas tecnoloxías por excelencia. O lugar de encontro de centos de familias e unha plataforma extraordinaria para promocionar a Escola de Imaxe e Son da Deputación de Lugo.

A aula formativa arroba da Deputación componse dos seguintes elementos:

a) A aula con varios ordenadores e lectores do Documento Nacional de Identidade electrónico, onde monitores informarán e formarán ós visitantes sobre o DNI: como usalo e os trámites que se poden realizar con el a través da Rede.

b) Pantalla táctil de publicación dixital (paper), onde se mostran unha das últimas publicacións feitas pola Deputación, o libro-guía Km0. Rutas pola Provincia de Lugo.

c) Obradoiro de baile con animación no que, mediante a técnica do croma, realizaranse montaxes cos visitantes, que se poderán descargar posteriormente en formato vídeo dende a web.
d) Aula 365 de Movistar, adicada a nenos e pais. Dende este espazo, os usuarios poderán interaccionar cunha aplicación semellante a unha rede social para o apoio escolar. Poderán crear a súa conta, o seu propio Avatar ou navegar polas distintas aplicacións da ferramenta.

e) Obradoiro de realidade aumentada de Movistar, dende o que os visitantes poderán disfrutar da tecnoloxías 3D con son e movemento.

f) Haberá, ademais, wifi gratuíta e dinamizadores de micro, que mediante unha aplicación entregarán regalos de última xeración ós visitantes que pasen pola aula formativa.

Premios do I Concurso de curtas e maquetas Lugo 10

Ademais, o domingo pola tarde entregaranse os premios do I Concurso de Curtas e Maquetas que puxo en marcha a Fundación TIC, en colaboración co Concello, no marco da programación de Lugo 10, e no que ata o momento xa se presentaron 11 cortos e 10 maquetas. O prazo aínda está aberto para as persoas que participan na Ludus.

Os premios teñen dúas categorías: maquetas e cortos. Están dotados de 2.000 euros para o traballo que mellor promocione a Muralla, 1.500 para o que potencie máis a provincia e outro de 1.000 euros para creadores menores de 30 anos.

O primeiro Concurso Nacional de Curtametraxes e Maquetas Musicais é unha das catro iniciativas do organismo provincial dentro do programa Lugo10: a Pasarela Muralla Moda 2010, a Aula móbil turístico-medioambiental con forma de barco pesqueiro que leva o nome Muralla de Lugo por toda a xeografía española, a campaña Lugoteando adicada a Lugo e o auga, que incluiu actividades acuáticas destinadas a por en valor o segundo patrimonio lucense ademais do histórico: o medioambiental.

Máis información sobre o evento na páxina web www.ludusparty.net

 



Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova