Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Un informe sobre o tratamento da prostitución nos medios de comunicación galegos vaise presentar mañá nas Xornadas contra a violencia de xénero


# Mércores, 17/11/2010
O estudo feito polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vaise presentar mañá nas Xornadas que organiza a Concellería de Benestar Social e Igualdade

O informe 'A representación da prostitución nos medios de comunicación galegos', realizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vaise presentar mañá nas Xornadas de prevención contra a violencia de xénero que organiza o Concello de Lugo a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade.

Belén Puñal, que é membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presentará este informe, feito polo Colexio de Xornalistas coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, nun acto ó que asistirá a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre. A presentación terá lugar mañá, ás 19:00, no salón de actos do Centro de Convivencia Maruja Mallo nun acto.

A investigación analiza a representación da prostitución, a explotación sexual e o tráfico e a trata de persoas con fins de explotación sexual nos medios de comunicación galegos. O informe continúa así traballos anteriores realizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, centrados noutras ocasións na representación da violencia de xénero.

A través da análise de contido de todos os xornais galegos ao longo dun mes, o estudo tenta dar respostas sobre o grao de visibilización e presenza das e dos diversos protagonistas, actores, espazos e tipoloxías implicados no exercicio da prostitución, analizar que rutinas xornalísticas aplican as informadoras e informadores na súa cobertura, determinar a relevancia concedida á información sobre estes temas e analizar a linguaxe empregada e o uso de estereotipos. Así mesmo, comparouse o tratamento ordinario da información sobre prostitución, a explotación sexual e a trata ou tráfico de mulleres co conferido a aqueles casos aos que os medios outorgan unha abordaxe extra-ordinaria; e completouse o relatorio cunha análise sobre a presenza e contido dos anuncios de sexo de pago na prensa galega.

A presentación deste estudo, realizado coa axuda da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, encadrase dentro das Xornadas de Prevención da Violencia de Xénero do Concello de Lugo, que este ano se realizan co lema Abróchate.

As xornadas continuarán, mañá, cunha táboa redonda sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual e. o xoves 25, coa lectura do manifesto dos homes de Lugo contra a violencia sobre as mulleres (ás 12:00 na Praza de Santo Domingo) e a conferencia de Pilar López Díaz "O novo tratamento xornalístico das noticias sobre violencia de xénero (ás 20:00 no Salón de Actos do Centro Maruja Mallo).

O venres 26, pechará as xornadas a representación da obra Caminando, da compañía Alkimia, ás 12:00 no Polideportivo do Instituto Politécnico de Lugo.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova