Cargando....
Concello de Lugo
01/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde inaugurou hoxe os viais de acceso ó Hospital Lucus Augusti


# Xoves, 18/11/2010
López Orozco salientou o esforzo que fixo a cidade para dotar de bos accesos e servizos ó novo Hospital, unhas obras nas que o Concello investiu 7.100.000 euros

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Os viais perimetrais teñen unha lonxitude de 1.150 metros e neles hai máis de 400 prazas de aparcamento gratuíto

O Alcalde agarda que o HULA funcione a pleno rendemento a finais de decembro



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou hoxe os accesos ó Hospital Lucus Augusti nun acto ó que tamén asistiron a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez; a Xefa Territorial de Sanidade da Xunta, Purificación Rivas; o Secretario Xeral da Subdelegación do Goberno, Constantino Rodríguez, ademáis dos Concelleiros de Infraestruturas, José Piñeiro; Transportes, José Rábade; Economía e Emprego, Sonia Méndez; Medio Ambiente, Lino González Dopeso, e Xuventude, Rosana Rielo.

O Alcalde salientou o importante esforzo económico que tivo que facer o Concello para dotar de bos accesos e servizos ó novo Hospital de Lugo. “Investimos 7,1 millóns de euros que saíron dos impostos que pagan todos os lucenses pero paga a pena o esforzo, agora temos un extraordinario acceso ó novo Hospital que dará servizo á cidade e á provincia”, dixo o Alcalde.

Para López Orozco, “foi unha grande aportación do Concello de Lugo como non a fixeron noutras cidades”. O Alcalde tamén anunciou que xa están instaladas as marquesinas para o servizo de transporte público que “funcionará desde o luns e será gratuíto os primeiros días, co que faremos un esforzo suplementario para animar ós usuarios e traballadores a coller o bus”

O Alcalde referiuse tamén á agardada apertura do novo Hospital. “Canto máis pronto mellor, espero que a final do mes de decembro estea a pleno funcionamento, comprendemos que o cambio ten que facerse pouco a pouco e saberemos esperar mes e medio”, indicou o rexedor municipal. López Orozco lembrou tamén que o Concello se puxo a disposición do Sergas para colaborar no que necesite para “facer o traslado nas mellores condicións” e sinalou que coas obras realizadas dáselle “auga dabondo ó novo Hospital”.

O Concello de Lugo investiu 7.157.450 euros, procedentes de fondos propios, na construción dos viais perimetrais do HULA, os novos accesos de enlace coa Ronda este, e na dotación de servizos. Esta cifra engádese á cesión gratuíta dos terreos que lle entregou o Concello á Xunta para construír o Hospital Lucus Augusti.

Un quilómetro de longo e 400 aparcamentos gratuítos

Os viais perimetrais teñen unha lonxitude de 1.150 metros, con glorietas nas interseccións, e dous carrís por sentido de circulación cada un deles de 3,5 metros de ancho. A anchura dos viais é de 24 metros e as beirarrúas son cada unha 3 metros. Ademais creáronse máis de 400 prazas de aparcamento en liña, nas que se poderá estacionar de balde.

As obras comezaron en febreiro de 2009 e consistiron na urbanización dos viais perimetrais á parcela do novo Hospital, que foron dotados das infraestruturas e servizos necesarios para o funcionamento do Complexo Hospitalario (saneamento, enerxía eléctrica, alumeado público, canalización para telefonía e abastecemento de auga).

O proxecto tamén incluíu o acondicionamento de zonas verdes, dotación de papeleiras e colectores, colocación de barandillas e sinalización.

Os servizos

Un segundo proxecto financiado polo Concello foi o de dotación de servizos á parcela destinada ó novo Hospital de Lugo. Consistiu na execución das conexións necesarias para levar os servizos á parcela do Novo Hospital. As conducións para poder dotar de servizos ó Novo Hospital executáronse por Galegos para conectalos cos que xa tiña a cidade. Estas foron as primeiras obras que executou o Concello para darlle servizos ó Hospital Lucus Augusti xa que comezaron no ano 2006.

Accesos á Ronda Este

O Concello tamén levou a cabo, neste caso en colaboración coa Xunta, o proxecto de construción dos accesos á parcela do Novo Hospital. Esta obra consistiu na execución dos accesos desde a Ronda Este ata os viais perimetrais á parcela do Hospital, que contan con dous carrís por sentido de circulación, de 3,50 metros de ancho cada un. Estes treitos están dotados de alumeado público e a súa lonxitude é de 770 metros. As obras dos accesos comezaron en setembro de 2008.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova