Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o proxecto de Orzamentos do Concello para 2011 que ascenden a 90.052.000 euros, un 2,5%


# Xoves, 18/11/2010
O Alcalde destaca que son uns presupostos axeitados ó momento económico que diminúen a débeda e manteñen o investimento social

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deron a coñecer hoxe o proxecto de Orzamentos do Concello para 2011, logo de presentarllos ós grupos políticos.

Para o Alcalde, “son uns presupostos austeros e responsables, axeitados ó momento económico que vivimos, xa que non é momento para uns Orzamentos expansivos e xa temos feito o esforzo de mellorar os equipamentos da cidade”.

Tamén salientou o Alcalde que no proxecto de Orzamentos municipais para 2011 “se reduce a débeda, pero non renunciamos ó noso compromiso social”. “Son os mellores Orzamentos que pode ter Lugo”, salientou o Alcalde na rolda de prensa na que anunciou que os Presupostos debateranse no pleno do día 13 de decembro.

López Orozco confía en que sexa posible chegar a acordos cos grupos políticos para que os presupostos sexan aprobados polo pleno porque “se traballa mellor cos Orzamentos aprobados, aínda que, como son moi semellantes ós do ano pasado, tampouco habería que dramatizar se é necesario prorrogalos”.

Os Orzamentos ascenden a 90.052.000 euros, un 2,5% menos que os de 2010. Unha diminución que o Alcalde explicou porque “este Concello é austero e responsable e non é este momento para un Orzamento expansivo”.

Diminución da débeda

As previsións económicas do Goberno local para 2011 supoñen un maior esforzo na redución da débeda. De feito, prevese unha diminución do endebedamento superior a un millón de euros e, tamén, un descenso do 30% nos xuros que lle ten que pagar o Concello ás entidades bancarias. Ademais, está previsto adicar o aforro en persoal para adicar eses cartos a amortización anticipada da débeda municipal.

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, salientou que o capítulo de Persoal, que inclúe os órganos de goberno, diminúe un 5,56%, e eses cartos adícanse a amortizar débeda. Está previsto aumentar un 32% a amortización de débeda e unha redución no endebedamento de 1.000.000 de euros.

Políticas sociais e de loita contra o paro

O descenso nos presupostos non se fai a costa das políticas sociais e de emprego: aínda que medra nun 4% o IPC e o IVE que terá que pagar o Concello ás empresas que traballan para el, o gasto corrente só sobe un 3,3%, 1.100.000 euros. A contención no gasto corrente lógrase, entre outras medidas, polo aforro dun 20% nos chamados gastos diversos de todas as Concellerías. E ese pequeno aumento garante o funcionamento de todas as instalacións e servizos sociais do Concello: centros de convivencia urbanos e centros sociais no rural, Centros de día, emerxencia social…

Pola contra, aumentará o gasto en servizos básicos que melloran a calidade de vida dos lucenses. Ë o caso dos 188.000 euros máis presupostados para atención a dependentes, 1.800.000 máis para cumprir a lexislación ambiental no tratamento da auga, 261.000 euros a maiores para duplicar as prazas en educación infantil coa apertura a primeiros de ano de dúas novas escolas infantís, e 400.000 euros de aumento no servizo de transporte público coa creación das liñas de autobuses ó novo Hospital.

A loita contra o desemprego tamén queda reflexada no proxecto de Orzamentos que recollen 130.000 euros do Plan Urban para programas de inserción social que se suman ós 400.000 euros cos que estará dotado o Plan PILES. O Concello ademais opta a 700.000 euros máis de fondos europeos para axudar a atopar traballo ós parados de Lugo.

A diminución que experimentan os Orzamentos non se traduce nun recorte nas axudas que superarán os 3.000.000 de euros para manter as subvencións a asociacións sociais, culturais e deportivas, as axudas ó alugueiro de vivenda, para facer a ITE, para accesibilidade e para a cooperación co Terceiro Mundo.

Rehabilitación

Outro apartado é o da rehabilitación. Neste capítulo destacan as novas axudas do Plan Urban, por importe de 550.000 euros, adicadas a comunidades de propietarios para adecentar o paseo interior da Muralla. Outros 350.000 euros son para melloras de locais de negocio e creación de novas empresas co fin de dinamizar o Casco histórico. Tamén medran un 188% as subvencións a particulares para rehabilitación de vivendas nas dúas Areas de Rehabilitación Integral: o Centro histórico e o Sagrado Corazón, que se elevan a 1.463.000 euros e soben un 87% as actuacións do Concello nesas zonas, que chegan a 1.030.500 euros.

Obras

E os investimentos máis importantes en obras, unha vez que Lugo xa conta con boas dotacións e infraestruturas, son para acabar a nova sede da Policía Local e de Protección Civil, con 605.000 euros, e a mellora das rúas na cidade, ás que se adica 1.200.000 euros, así como a mellora do saneamento e asfaltado de pistas na zona rural, cunha partida de 800.000 euros.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova