Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O CENTRAD celebra o seu 15º aniversario coa mostra internacional Leonardo da Vinci y la Música


# Xoves, 18/11/2010


Imaxe Asociada
Orozco e Besteiro inauguraron a exposición sobre a relación do artista coa música que chega por primeira vez a Galicia, logo de percorrer Italia, Francia, Xapón, México, e converterse na mostra máis visitada da Biblioteca Nacional de España

A Capela de Santa María e as instalacións do CENTRAD acollen ata o 31 de xaneiro os instrumentos creados por luthiers de todo o mundo, -un deles do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación-, baseándose nas notas e bocetos que deixou da Vinci


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inauguraron este xoves Leonardo da Vinci y la Música, a primeira exposición que recolle a relación do artista coa música, realizada logo dun pioneiro e profundo traballo de investigación sobre os seus manuscritos. López Orozco felicitouse porque “Lugo teña o privilexio de acoller esta relevante exposición adicada a un xenio como foi Leonardo da Vinci”. O Alcalde tamén aproveitou o acto para “felicitar ó Centrad polos seus 15 anos de existencia e por ter a iniciativa de darlle ós lucenses a oportunidade de desfrutar desta mostra”.

Gómez Besteiro subliñou que “o organismo provincial celebra o décimo quinto aniversario do Centro de Artesanía e Deseño cunha exposición de carácter internacional, que percorreu prestixiosas salas de Italia, Francia, Xapón ou México, que se converteu na mostra máis visitada da Biblioteca Nacional de España, e que puideron coñeceron máis de 500.000 persoas nas cidades onde estivo exposta. A Deputación fai posible que, por primeira vez en Galicia, teñamos a oportunidade de ver este recoñecido traballo”.

A Capela de Santa María e as instalacións do CENTRAD acollen dende hoxe e ata o 31 de xaneiro Leonardo da Vinci y la Música. A entrada é gratuíta, e o horario de apertura é o seguinte: de 10:30 ás 14:00 horas, e de 17:00 ás 20:00 horas durante a semana; de 17:00 ás 20:00 horas os sábados; e de 11:00 ás 14:00 horas os domingos.

Orixe, composición, e luthiers
Expertos de todo o mundo estudaron durante anos os “Códices de Madrid” que garda a Biblioteca Nacional de España dende hai tres séculos. Compóñense de dous manuscritos correspondentes ó período de madurez do artista, -finais do século XV e principios do XVI-, que recollen os seus debuxos, bocetos, notas, e ata unha lista de 116 libros que formaban parte dos fondos da súa biblioteca. O resultado foi unha exposición que amosa a dimensión creativa de Leonardo, e a súa relación coa música de maneira científica e lúdica.

Deste xeito, na exposición poderase ver a cronoloxía da vida de Leonardo; facsímiles de varios Códices de da Vinci engarzados nun árbore de prata; 800 fotografías dixitalizadas dos Códides Madrid I e II en español e inglés; sesenta banderolas estampadas de tres metros de alto por un de ancho; experimentos musicais interactivos; mesas temáticas sobre a orixe do son, mecanismos do aire, ou as escenografías do artista; así como 20 instrumentos tales como: a famosa lira de prata en forma de cráneo de cabalo que Leonardo levou á corte do Duque de Milán; a viola organista, un instrumento para música de cámara moi innovador e complexo; ou o órgano de papel.

Os 6 luthiers autores das pezas expostas son: Akio Obuchi, xaponés construtor da viola organista; Joaquín Lois, español, -Tordesillas-, autor do órgano de fuelle continuo, teclado vertical e tubos papel; Abel García, creador da lira de plata en forma de cráneo de cabalo. Vive e traballa en Paracho, México; Luis Angel Payno, español, -Madrid-, construtor da carraca de tres lenguetas, carraca con porta corredoira, carraca tubular, timbal mecánico a tres baquetas, tambor con tornillo de tensión regulable, tampor de tiras de pel afinadas, tambor de tres patas, vasija percutida e tambor de tixeira; Carlos Blanco, español,- Alicante-, autor de variantes do tambor flauta e flauta glissando; e Luciano Pérez, lucense e artesán do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación que realizou o tambor flauta, carraca manga, tambor de fricción, flauta glissando, trompa e tambor carraca.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova