Imprimir

O PROXECTO DE ORZAMENTOS DO CONCELLO PARA 2011 ADICA MÁIS DE 11.000.000 DE EUROS A OBRAS


22/11/2010 A sede da Policía Local, axudas á rehabilitación e melloras nas rúas da cidade e nas pistas do rural son algúns dos investimentos previstos

O Goberno local reuniuse esta mañá cos grupos políticos e volverá facelo o xoves



O Concello proxecta investir 11.076.652 euros en obras no 2011, segundo explicou hoxe a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, trala reunión que mantivo esta mañá o Goberno local cos grupos políticos para tratar dos presupostos municipais para o ano que vén.

A Concelleira indicou que 8.172.000 euros corresponden ó capítulo 6, que recolle os investimentos directos do Concello, e os restantes 2.904.000 pertencen ó capítulo 7, de investimentos a través de subvencións.

Sonia Méndez explicou que estes cartos “son para levar a cabo actuacións fundamentais para a cidade”. A Concelleira relatou as obras previstas: a nova sede da Policía Local e Protección Civil que se constrúe en San Fiz, o pago das expropiacións na zona do Carme, as axudas á rehabilitación de vivendas no Casco histórico e o Sagrado Corazón, o adecentamento de rúas da cidade ás que se adican un millón de euros, a posta en funcionamento da potabilizadora, na zona rural o asfaltado de pistas, alumeado e saneamento, ademais de partidas para instalacións deportivas e novos xardíns, e o investimento de máis de 100.000 euros para a legalización da Recinto Feiral.

Para financiar estas obras, mantendo o equilibrio orzamentario e a economía saneada, a previsión do Goberno local, é “pedir un préstamo de 5 millóns de euros e adicar máis de 6 millóns a amortización de débeda o que significa que no 2011 o Concello reducirá a débeda a longo prazo en máis dun millón de euros”, segundo indicou a Concelleira de Economía.

Sonia Méndez anunciou que o vindeiro xoves haberá outra reunión cos grupos políticos. A Concelleira de Economía manifestou que hoxe o PP pediu unha serie de informes como a execución trimestral a 30 de setembro. “Parécenos que están buscando escusas para rexeitar os Orzamentos e que non os atopan, pero se ese é o motivo non hai problema porque van ter a información nesta semana, aínda que é antes dos prazos ós que nos obriga a lei”, segundo sinalou Méndez.

Tamén se referiu a Concelleira de Economía á redución do gasto corrente que propón o PP da que dixo que “é imposible reducilo máis sen diminuír o gasto social que é intocable e sagrado para este Goberno local”. De feito, indicou que “o gasto corrente previsto é un gasto eminentemente social, por iso lle pedimos ó PP que na reunión do xoves presenten por escrito as reducións que propoñen facer e así comprobaremos se afectan a servizos como a potabilizadora ou ó gasto social”.