Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A exposición "A Domus do Mitreo" amosa restos arqueolóxicos procedentes das escavacións vinculadas á construción do E=mc2 e rehabilitación do Pazo de Montenegro, sede da Vicerreitoría de Coordinación


# Martes, 23/11/2010
O Alcalde, José López Orozco, participou na inauguración da mostra que organiza a USC

‘A Domus do Mitreo’, exposición que nace das actuacións arqueolóxicas que se levaron a cabo no transcurso dos traballos de rehabilitación e construción da sede administrativa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e do seu edificio anexo, coñecido como E=mc2 , foi inaugurada este martes polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Reitor da USC, Juan Casares Long.

Esta iniciativa expositiva supón un adianto das investigacións arqueolóxicas realizadas, presentadas tamén nunha composición audiovisual proxectada ao comezo do acto inaugural no que estiveron presentes diversas autoridades e consistente na recreación virtual do que sería a Domus descuberta na escavación. O obxectivo final da mostra é dar a coñecer, a través de breves pinceladas, a vida cotiá nesa Domus romana e a súa evolución a través do tempo a partir dos materiais atopados na área que se sitúa baixo os edificios e as rúas circundantes e que define diferentes espazos e cronoloxías.

A exposición

O inmoble da época romana, cuxa estrutura xeral foi conformada en planta baixa e primeiro andar, transmitiu, segundo comenta o comisario da exposición e director do proxecto arqueolóxico, Celso Rodríguez Cao, “unha linguaxe arquitectónica moi avanzada, onde se coidou tanto a xeometría nas súas proporcións como unha depurada técnica construtiva”. Debido á súa perdurabilidade no tempo amósanse cambios na organización do edificio coincidindo coa creación dun novo espazo identificado como Mitreo, elemento arredor do cal xira esta exposición.

O Mitreo de Lucus é un dos poucos monumentos mitraicos de España que poden ser datados con fiabilidade como pertencentes ao século terceiro d. C. e que se mantén no século cuarto d. C., segundo o investigador. Como mostra disto está a ara fundacional de granito atopada na nave do templo, unha das pezas centrais da exposición que alberga gran cantidade de información e permite unha nova interpretación da introdución do mitreísmo en Hispania.

O resto dos elementos que compoñen o espazo expositivo completan o percorrido do que foi a vida cotiá dos moradores desta construción. Amósanse pezas representativas exhumadas na escavación como son vidros, metais, ósos, útiles de tear ou elementos de numismática. Destacan outros coma o entalle de cornalina laranxa que se utilizou como icona desta exposición e que leva tallada unha figura alada en representación dunha vitoria.

Pese a que os elementos escollidos inciden principalmente no Mitreo e no seu culto, tamén se representa o período medieval a partir do material da necrópole encontrada correspondente a esa etapa e que permite un estudo osteoarqueolóxico dos habitantes da urbe naquel momento.


Investigación e musealización

O proceso de investigación arqueolóxica, aínda aberto, irá acompañado da musealización da totalidade dos restos atopados e dos que esta exposición é tan só un adianto.

En xullo de 1998 a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu o edificio do Pazo de Montenegro e as súas construcións anexas, deshabitadas dende varias décadas atrás, co obxectivo de ter un edificio de representación e administración, pero, ao mesmo tempo, un espazo de extensión cultural, que baixo a formula E=mc2 define este Edificio Museo e Casa do Coñecemento. Logo do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a propia USC e baixo a dirección do arquitecto autor do proxecto e director das obras, Felipe Peña, este espazo mestura aspectos arqueolóxicos, culturais, de investigación e administrativos.

Horarios

A exposición permanecerá aberta ao público de martes a sábado. O horario de martes a xoves será de 17:00 a 21:00 horas;os venres abrirá de 18:00 a 22:00 horas e os sábados permanecerá a disposición do público en horario de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas. Existe a posibilidade de asistir a visitas guiadas os últimos xoves de cada mes ás 19:00 horas ou concertalas para grupos e escolares.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova