Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación colaboran nas Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo que van promocionar un dos atractivos turísticos da cidade


# Mércores, 24/11/2010
Tamén colaboran na iniciativa a Asociación Provincial de Hostaleiros e a Asociación de Industrias Elaboradoras Galegas de Agricultura Ecolóxica

Imaxe Asociada
O prazo de inscrición xa está aberto e as Xornadas desenvolveranse do 11 de decembro ó 27 de febreiro coa participación de 30 establecementos

O Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, acompañado pola Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, Presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Francisco José Real, e o representante da Asociación de Industrias Elaboradoras Galegas de Agricultura Ecolóxica, Rafael Rivadulla, presentaron hoxe as Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo.

Trátase dunha nova iniciativa destinada a promoción dun dos atractivos turísticos da cidade, a gastronomía, e que se levará a cabo durante tres meses, decembro, xaneiro e febreiro, segundo anunciou o Concelleiro de Turismo. Destacou tamén que esta iniciativa nace “froito do traballo consulto das institucións e as asociacións” e ten vocación de continuidade.

Díaz Grandio explicou que desde hoxe ata o día 30 de novembro está aberto o prazo de inscrición para tomar parte nas Xornadas, nas que poderán participar como máximo 30 establecementos.

A Vicepresidenta da Deputación explicou que a institución provincial tiña que colaborar con estas Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo por tratarse dunha nova iniciativa na que Concello e Deputación seguen a potenciar a Muralla a través do programa Lugo10, no que xa ten colaborado con anterioridade a institución e agora faino a través do patrimonio que supón a gastronomía. 

Méndez destacou tamén que para a Deputación é importante estar nunhas Xornadas “coas que seguimos a impulsar os produtos autóctonos da provincia, unha firme aposta do organismo provincial para xerar riqueza na provincia, na que vimos traballando con Lug02, o programa medioambiental dotado de 5 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea”. E engadiu que “por iso, un dos premios especiais é para un prato elaborado con produtos autóctonos, ou ben con alimentos co selo Lugo-Sabe, a marca de auténtica calidade da Deputación. Neste momento, xa temos rexistrado o noso distintivo ó que optan máis de 100 alimentos lucenses. Nas vindeiras semanas, comezarán as auditorías ós 7 primeiros produtos para que, no mes de xaneiro, contar con produtos de auténtica calidade, produtos Lugo-Sabe, que se incorporarán os pratos destas Primeiras Xornadas Gastronómicas”.

Empezan o 11 de decembro
O concurso desenvolverase do sábado 11 de decembro ata o domingo 27 de febreiro.

Os participantes deberán elaborar un menú que constará de 1º prato, 2º prato, pan e postre, cun prezo de 12 a 30 euros.
As bases destas Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo establecen tres modalidades de premios:

Primeiro e segundo premio que se decidirán por votación popular mediante os votos que se introducirán nas urnas situadas nos establecementos participantes.

Tamén se concederán dous premios Muralla de Lugo, que decidirá un xurado, para os menús que homenaxeen á Muralla no décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial.

Finalmente, haberá dous premios extraordinarios ó mellor prato ecolóxico e o mellor prato Lugosabe. Neste caso deberán ser feitos en homenaxe á Muralla usando unicamente produtos ecolóxicos ou con ingredientes autóctonos da provincia de Lugo ou que conten co selo Lugosabe.

Catas
Outra iniciativa que se presentou hoxe foi a celebración dunha cata de produtos ecolóxicos que se terá lugar o venres, día 26, ás 17.00 horas no Centro de Convivencia Maruja Mallo, onde se farán catas de leite e mel, comentadas por profesionais e abertas a todos os interesados, segundo anunciou o representante da Asociación de Industrias Elaboradoras Galegas de Agricultura Ecolóxica, Rafael Rivadulla.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova