Imprimir

MANIFESTO CONCELLO DE LUGO 25 DE NOVEMBRO


25/11/2010 Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Desde o Concello de Lugo, queremos facer un chamamento á rebelión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero: non podemos consentir que esta situación siga manténdose e debemos pór, todos e todas, o noso máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal, e protexer ás vítimas. A todas as vítimas.

Neste día, as mulleres e homes de Lugo queremos mostrar o noso recoñecemento á coraxe e a valentía de tantas mulleres que, día a día, logran superar o medo e as barreiras -psicolóxicas, sociais, familiares, relixiosas- levantadas ao longo de séculos de dominación machista, para rebelarse contra o seu maltratador e levalo ante a Xustiza.

Queremos denunciar o intento de instalar na nosa sociedade a falsa idea de que moitas das denuncias de malos tratos que se presentan son falsas, cando os datos demostran todo o contrario.

Desde o convencemento de que hoxe máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. Porque o problema é de toda a sociedade e non só das vítimas, sendo tamén de toda a sociedade, o deber da denuncia. Se ante unha agresión volvemos a cabeza e calamos, estamos colaborando na creación de espazos de impunidade para os agresores e incrementando o sufrimento das vítimas, na súa maioría mulleres pero tamén dos seus fillos e fillas.

No que vai de ano, 64 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados pola violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos sofren, na súa contorna e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.

Sabemos que os nenos e nenas que crecen nestes fogares padecen secuelas que poden durarlles toda a vida. Diminución do rendemento escolar, insomnio, pesadelos, fobias, ansiedade, agresividade..., son só algúns dos síntomas que presentan os e as menores que conviviron coa violencia de xénero. Ademais, a aprendizaxe de modelos violentos e roles de xénero erróneos poden conducilos a repetir esas condutas, tanto no papel de vítima como de agresor, coa consecuente reprodución da violencia de xénero.

Pero non basta coa protección institucional, por máis que esta exista e sexa cada vez maior: a denuncia é a única porta para pór en marcha todo o sistema de protección, tanto para as mulleres como para toda a súa contorna. E este ano asistimos a un triste escenario: a maioría das mulleres asasinadas non denunciaran aos seus maltratadores e, xa que logo, non puideran ser protexidas. O silencio é o mellor cómplice dos maltratadores porque lles proporciona a total impunidade e unha ampla liberdade para cometer os seus brutais actos. Por iso é tan importante a denuncia dos agresores.

Por último, non queremos esquecer outras manifestacións da violencia machista, como é a trata con fins de explotación sexual, unha das violacións dos dereitos humanos das mulleres máis brutais.

Desde o Concello de Lugo, queremos facer un chamamento á conciencia de toda a cidadanía deste país para mobilizarnos contra os maltratadores, para que non atopen ningunha físgoa de impunidade para os seus terribles actos.

Coa lealdade e corresponsabilidade de todas as Administracións, coa unidade de todas as forzas políticas contra os malos tratos asasinos, co Poder Xudicial aplicando a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e co esforzo e compromiso de todos e todas conseguiremos erradicar a violencia de xénero.