Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A cidadanía lucense súmase ós actos contra a Violencia de Xénero que tiveron lugar hoxe organizados polo Concello


# Xoves, 25/11/2010


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concello de Lugo sumouse ós actos do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, con numerosos actos que incluíron a lectura dun manifesto institucional, a entrega de premios a mozos que participaron en Certames convocados pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, a instalación dun libro na entrada da Casa do Concello para escribir palabras contra a violencia de xénero e unha conferencia.

En todos os actos houbo unha lembranza especial para Montse, a veciña de Lugo, que morreu o pasado mes de agosto vítima da violencia de xénero.

Os actos comezaron na Casa do Concello onde foron entregados os premios do Concurso de deseño gráfico: a prevención da violencia de xénero, concedido ó alumnado da área de Artes de 2º BAC do Colexio Fingoi; do I Certame de fotografía “Revelando o Machismo” a Eva Cividanes Portela, que gañou o primeiro premio, e a Guillermo Dacal Pérez, que gañou o accésit.

Este acto foi presidido polo Alcalde, José López Orozco, e tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, onde se proxectou unha curtametraxe contra a violencia de xénero feita por alumnos do Colexio Fingoi, titulada “Sara”, e que se distribuíu en todos os centros escolares da cidade para que reflexionen sobre este lacra social.

Posteriormente, o Alcalde, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e outros membros da corporación, así como o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, participaron nos actos celebrados na praza de Santo Domingo, nos que deportistas da cidade apoiaron coa súa presenza e as súas intervencións a loita contra a violencia de xénero. Nesta iniciativa tomaron parte os clubes Azkar, Breogán, CD Lugo, Ensino e Emeve.

Tras unha breve intervención do Alcalde na que dixo que toda a sociedade se debe sentir atinxida por este problema e debe contribuír a pórlle fin, a Concelleira de Benestar Social deu lectura ó manifesto da Corporación municipal contra a violencia de xénero.

No manifesto faise un chamamento “á rebelión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero” porque “non podemos consentir que esta situación siga manténdose e debemos pór, todos e todas, o noso máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal, e protexer ás vítimas”.

Tamén lembra o manifesto que “no que vai de ano, 64 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados pola violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos sofren, na súa contorna e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.”

Considera ademais o Concello que “non basta coa protección institucional, por máis que esta exista e sexa cada vez maior: a denuncia é a única porta para pór en marcha todo o sistema de protección, tanto para as mulleres como para toda a súa contorna. E este ano asistimos a un triste escenario: a maioría das mulleres asasinadas non denunciaran aos seus maltratadores e, xa que logo, non puideran ser protexidas. O silencio é o mellor cómplice dos maltratadores porque lles proporciona a total impunidade e unha ampla liberdade para cometer os seus brutais actos. Por iso é tan importante a denuncia dos agresores”.

Tamén indica que “non queremos esquecer outras manifestacións da violencia machista, como é a trata con fins de explotación sexual, unha das violacións dos dereitos humanos das mulleres máis brutais”.

Ademais indica que “coa lealdade e corresponsabilidade de todas as Administracións, coa unidade de todas as forzas políticas contra os malos tratos asasinos, co Poder Xudicial aplicando a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e co esforzo e compromiso de todos e todas conseguiremos erradicar a violencia de xénero”.

Deseguido, os deportistas leron varias frases contra o sexismo e a violencia machista.
O acto rematou cunha ofrenda floral.

Xa pola tarde, dentro da programación das Xornadas de loita contra a violencia de xénero organizadas polo Concello, tivo lugar, no Centro de Convivencia Maruja Mallo, a conferencia “O novo tratamento xornalístico das noticias sobre violencia de xénero, a cargo da profesora de Ciencias da Información e investigadora de Políticas de Xénero, Pilar López Díaz.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova