O Alcalde e o Presidente da Deputación sumáronse ós internautas reunidos durante a fin de semana na Casa do Deporte
# Venres, 26/11/2010
A cuarta edición da Ludus Party reúne durante tres días, en Lugo, 300 internautas de toda España que participan nas numerosas actividades programadas pola organización
Ademais de xogos e competicións, hai actividades didácticas de acceso libre na aula de formación instalada pola Deputación e mañá terá lugar a entrega de premios do Certame de curtas e maquetas convocado pola Fundación TIC dentro do programa Lugo10
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, visitaron esta tarde ós participantes na Ludus Party, a festa informática que fai de Lugo a capital dos internautas durante toda a fin de semana.
O Concello de Lugo organiza este evento informático coa colaboración da Deputación provincial que colabora economicamente na Ludus Party. Ademais a Deputación ten instalada na zona a súa aula formativa móbil
do programa Innova-TE, que conta con financiamento da Unión Europea. O acceso á carpa de 230 metros cadrados é gratuíto.
A Ludus Party chega este ano a súa cuarta edición e está a celebrarse na Casa do Deporte desde onte pola tarde ata mañá, domingo, ás 18.00 horas.
Trescentos internautas lucenses, de toda Galicia e doutros lugares de España como Madrid, Castela-León, Pais Vasco ou Andalucía participan no evento. A organización habilitou na Casa do Deporte zonas de descanso para os asistentes a esta festa da informática durante as 50 horas nas que poden estar conectados de xeito ininterrumpido.
O programa da Ludus Party 2010 consta de numerosas actividades como a Ludus Creativa, a Ludus Xugona, que inclúe torneos e as tendencias máis punteiras nos videoxogos e creación audiovisual; a Ludus Xincana, coas competicións máis exitosas de anos anteriores. Tamén se celebran obradoiros, charlas e haberá premios sorpresa.
A parte didáctica deste evento está na aula formativa móbil
instalada pola Deputación a carón da Casa do Deporte. Nela pode aprenderse a usar a administración electrónica, comprobar as aplicacións da informática como ferramenta educativa ou gozar dun obradoiro de baile con animación que, mediante a técnica do croma, permite facer montaxes nas que aparezan os visitantes.
Para a última xornada da Ludus Party está programada a entrega dos premios convocados pola Deputación, a través da Fundación TIC, que organizou un Certame de curtametraxes e maquetas musicais dentro do programa Lugo10. O concurso ten dúas categorías: audiovisual e musical. Os premios están dotados con 2.000 euros para o traballo que mellor promocione a Muralla, 1.500 euros para o que faga a mellor promoción da provincia e 1.000 euros para creadores de idade inferior a 30 anos.
Este Certame é unha das numerosas colaboracións que lle prestaron a Deputación provincial e a Fundación TIC ó programa de actividades Lugo10 que festexa o décimo aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO.
O encontro informático de Lugo dispón dunha páxina web con máis información sobre o evento
www.ludusparty.net.
Compartir: