Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Entrega dos premios do I Concurso Nacional de Curtas e Maquetas que convocou a Fundación TIC con Lugo10


# Luns, 29/11/2010
O Presidente da Deputación e as Concelleiras de Servizos Xerais, Xuventude e Cultura entregaron os galardóns do certame na última xornada da Ludus Party

Imaxe Asociada

Preto de 30 traballos audiovisuais e musicais se presentaron ó certame co que Deputación e Concello promocionan a Muralla polo seu 10º aniversario como Patrimonio da Humanidade

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e as Concelleiras de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela; Xuventude, Rosana Rielo, e de Cultura, Nuria Mundiña, entregaron este domingo os premios do I Concurso de Curtas e Maquetas que puxo en marcha a Fundación TIC, en colaboración co Concello, no marco da programación de Lugo 10, e que, no caso das curtametraxes, recaeron en: Andrés González Tella por “Dous días dicen” (Premio Lugo10), -mozo de Meira estudante de Telecomunicacións-; Leandro Gabriel Escudero por “A Sede das urbes” (Premio Deputación), -rapaz de Lugo antigo alumno da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC-; Fernando Rivero Martín por “La esencia de Lugo” (Premio Fundación TIC), -xoven da capital e alumno da EIS da TIC-. No caso dos traballos musicais, os galardoados foron: Jotaocho por “El bosque de Augusto” (Premio Lugo10), -o compositor do tema é Jahel Piñeiro Arias, rapaz da cidade de 22 anos-; David Taboada Grupo por “As portas da Muralla” (Premio Deputación), -conxunto musical vilalbés con máis de 250 concertos dende 2003-; e Ian por “Ven, acércate y descúbreme” (Premio Fundación TIC), -tema de rap composto por Fernán Gómez, mozo de Vilalba- .

En total, o certame contou coa participación de 12 produtos audiovisuais e 15 musicais. Os galardóns están dotados de 2.000 euros para o traballo audiovisual e musical que mellor promocionou a Muralla (Premios Lugo10), 1.500 para os que potencian a provincia (Premios Deputación), e uns terceiros de 1.000 euros para creadores menores de 30 anos (Premios Fundación TIC).

A entrega dos premios fíxose cadrando co remate da cuarta edición da Ludus Party, na que participaron máis 350 procedentes de toda Galicia, do norte de España e doutras cidades como Madrid, Valladolid ou Sevilla. Neste senso, Gómez Besteiro, quen tamén visitou o “stand que instalou na Casa do Deporte a Escola de Imaxe e Son, subliñou que “a Ludus Party é o escaparate das novas tecnoloxías por excelencia, por iso eliximos este día para dar estes premios. Ademais, é unha plataforma extraordinaria para promocionar o traballo da EIS, o primeiro centro educativo especializado nesta materia de toda a provincia”.

Este concurso é unha das catro iniciativas que desenvolveu o organismo provincial dentro do programa Lugo 10 como á Pasarela Muralla Moda 2010; á aula móbil turístico-medioambiental en forma de barco pesqueiro que leva o nome Muralla de Lugo por toda a xeógrafa española; e o programa Lugoteando que a Deputación celebrou nos meses de verán para poñer en valor o río Miño.

arroba da Deputación
Ademais de coa Fundación TIC, a Deputación colaborou coa celebración do evento a través do Innova-TE, o programa financiado nun 70% por fondos FEDER que garante a implantación da administración electrónica en menos dun ano. Deste xeito, durante o sábado e o domingo, o organismo provincial instalou xunto a Casa do Deporte a arroba; a carpa de 230 metros cadrados coa que busca formar e sensibilizar ós cidadáns sobre as vantaxes da eadministración e os trámites que poderán facer a través da internet en poucos meses.

www.lugo10.es





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova