Cargando....
Concello de Lugo
28/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta un estudo topográfico en 3D da Muralla feito pola Universidade de Santiago


# Luns, 29/11/2010
O proxecto, subvencionado polo Ministerio de Cultura, foille contratado ó Laboratorio do Territorio e terá aplicacións para estudar e promocionar o Monumento

Imaxe Asociada
A Primeira Tenente de Alcalde, Sonia Méndez, acompañada pola xefa do servizo de Arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, e o profesor da Universidade de Santiago David Miranda, presentaron hoxe os levantamentos topográficos da Muralla Romana de Lugo.

O proxecto, subvencionado polo Ministerio de Cultura, contou cun orzamento de 100.000 euros nas dúas fases nas que se levou a cabo, segundo explicou a Tenente de Alcalde.

Sonia Méndez indicou que a Muralla necesita ser “coidada, promocionada e tamén debe ser obxecto de estudos rigorosos coma este que se presenta precisamente cando estamos a celebrar o décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial pola UNESCO”.

Méndez explicou que o Concello encargoulle ó Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago a realización deste traballo que consistiu na realización de dous levantamentos topográficos do monumento.

O primeiro deles foi un levantamento topográfico clásico da Muralla e a súa contorna e o segundo fíxose con láser escáner terrestre só do monumento.

“Agora contamos cunha serie de datos punteiros, que serán útiles para os traballos de conservación do patrimonio, para facer estudos técnicos e de investigación, para actuacións urbanísticas e tamén terán aplicacións turísticas e de promoción que un monumento Patrimonio Mundial merece e precisa”, sinalou Sonia Méndez.


O profesor David Miranda explicou que tamén se deseñou unha base de datos na que se poderá volcar todos os datos vencellados á cartografía e a información do monumento.

En canto ó levantamento topográfico que se fixo con láser escáner terrestre, é unha técnica de medición pioneira en Galicia. As medicións finais teñen unha resolución que varía entre 3 e 5 centímetros entre os máis de cen millóns de puntos dos que se tomaron datos. Ademais de cada área escaneada, o instrumento recolleu información de imaxe que informa do estado de cada zona estudada, e tamén datos sobre a cantidade de luz láser reflectida pola superficie que é moi útil para o estudo de materiais.

Aparte dos puntos que definen a figura básica do monumento, tomáronse outros correspondentes a elementos ou accidentes particulares tales como resaltes, gretas, varandas ou escaleiras, e prestouse tamén especial interese a elementos de alto valor arqueolóxico, que ata agora non se topografiaran nunca, como as escaleiras primitivas escavadas, fustes incrustados, aras ou aspilleras embebidas nos muros ou a liña primitiva da zona do Reduto de María Cristina.

O produto deste levantamento topográfico conforma a información base que vai posibilitar o desenrolo de numerosos traballos de gran precisión relacionados coa Muralla nos próximos anos, como son:

- Modelos dixitais realistas.
- Reconstrucións virtuais e elaboración de material divulgativo.
- Estudios de deformacións, gretas ou estados de conservación.
- Identificación, clasificación e análise de materiais.
- Reconstrucións e rehabilitacións.
- Inventariación e cálculo de variables inabordables ata agora, como volumetrías, superficies de paramentos, seccións, etc.


Máis información sobre os levantamentos topográficos da Muralla Romana de Lugo
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova