Imprimir

PRESENTADA NA PRAZA DE ABASTOS UNHA XORNADA DO MEXILLÓN QUE SE VAI CELEBRAR O DÍA 7 EN BECERREÁ


2/12/2010 A Concelleira de Servizos Xerais e o Alcalde de Becerreá presentaron a festa na que se degustarán 1.600 quilos deste molusco

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e o Alcalde de Becerreá e Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, presentaron este xoves na Praza de Abastos a III Xornada de Exaltación de Produtos do Noso Mar: Mexillón, que organiza o Concello da Montaña en colaboración co Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), dependente do organismo provincial.

A Concelleira de Servizos Xerais salientou que a presentación da festa do Mexillón de Becerreá “vai contribuír a que se consuma máis un produto do país, que é saboroso, saudable e que xenera riqueza en Galicia” e saudou a elección da Praza de Abastos de Lugo para facer a presentación porque actos deste tipo, dixo, contribúen “na labor que levamos a cabo para dinamizar a Praza de Abastos”.

Ademais Luisa Zarzuela referiuse á colaboración entre os Concellos de Lugo e Becerreá coa Deputación e indicou que “o Concello de Lugo considera que o traballo conxunto de distintas administracións é o mellor xeito de facer pais”

Manuel Martinez agradeceu a colaboración da Deputación, “xa que a Xunta de Galicia lle dá as costas a Becerreá e á Montaña e á potenciación dun produto que ten serios problemas de comercialización nestes momentos. Co goberno bipartito tivemos o apoio das Consellerías de Sanidade e de Pesca. Hoxe en día ningunha das dúas nin contestou, sin está nin se lle espera. Lamentamos que esta colaboración non exista porque é importante para o Concello, para o produto e para os veciños. Ese apoio que non nos dá o goberno autonómico atopámolo no INLUDES e na Deputación”.

Esta actuación dá continuidade á iniciativa da Deputación de impulsar a economía da provincia a través da mellora da comercialización dos produtos autóctonos coa campaña LugoSabe. Dentro desta iniciativa, incluída no programa europeo Lug02, xa se repartiron preto de 20.000 lotes ós participantes de Km0; un programa co que o organismo provincial axuda a manter 3.000 postos directos e indirectos en diversos sectores. Deste xeito, o organismo provincial cumpre dous obxectivos: difundir os nosos produtos e favorecer o intercambio comercial. No mes de xullo chegarase a preto de 30.000 lotes deste produtos distribuídos.

Impulso dos produtos autóctonos en 2011

Precisamente, tal e como figura no Orzamento do INLUDES de 2011, este organismo incrementará as axudas para o desenvolvemento de feiras destinadas a impulsar os produtos autóctonos, ademais dos sectores agrogandeiro, artesanal e pesqueiro. En total, o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social destinará a este fin preto de 200.000 euros.

Dentro do compromiso de impulsar a económica provincial, Lara Méndez tamén lembrou que a Deputación está a continuar coa certificación das marcas de calidade Lug02 e LugoSabe; uns distintivos ós que optan preto de 1.000 establecementos de carácter rural e máis de 100 produtos autóctonos de 37 Concellos incluídos nas 3 Reservas da Biosfera e na Comarca do Courel. O obxectivo é revalorizar o produto agroalimentario, gañando espazo na distribución e comercialización.

1.600 quilos de mexillón

A cita gastronómica celebrarase o día 7 de decembro, no pavillón multiusos de Becerreá. A partir das 18:00 horas renderase homenaxe ós produtos mariños con esta festa, pola que pasarán unhas 1.000 persoas, e na que se degustarán 1.600 quilos deste molusco, 400 máis que na edición anterior.

Neste senso, a Vicepresidenta Segunda subliñou que “na ponte da Constitución esta Comarca será mar e monte. A iniciativa pretende atraer á vila ós visitantes que durante estes días festivos se acheguen á Montaña, ó tempo que se promociona o consumo deste produto na comarca do interior”.

O programa da xornada tamén inclúe actividades para nenos e unha orquestra que amenizará a cita gastronómica. Durante o día os bares e restaurantes ofrecerán tapas e menús con distintas recetas de mexillón. Para estes establecementos, a organización repartirá gratuitamente uns 400 quilos deste produto mariño.