Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O día Internacional das Persoas con Discapacidades lembra a necesidade dunha educación real e efectiva


# Venres, 03/12/2010


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e membros da Corporación Municipal, asistiron hoxe a lectura do manifesto có motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidades, que se levou a cabo na Praza Maior ás 12.00 horas.

Inés Pérez, en representación de ASPACE, Otilia Vázquez, profesora de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, e Delfina Pérez, en representación da Asociación de Síndrome de Down, foron as persoas encargadas de proceder coa lectura do manifesto, cuxo lema este ano foi: Por unha educación inclusiva real e efectiva.

Antes da lectura, o Alcalde de Lugo quixo destacar a necesidade de seguir traballando para que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas, e agradeceu as diversas Asociacións o seu esforzo e traballo día a día para concienciar a sociedade da necesidade de coñecer e respectar os dereitos e deberes de todas as persoas.


MANIFESTO CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL E EUROPEO DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Por unha educación inclusiva real e efectiva

MANIFESTO 

A educación inclusiva e a xestión da diversidade no ensino deben erixirse en elementos fundamentais e inherentes ao concepto de educación de calidade para todas as persoas. O ensino debe proporcionarlles ás persoas con discapacidade os coñecementos, as habilidades e as destrezas que compensen as desigualdades e desvantaxes das que aínda hoxe parten. 

A educación constitúe un dos factores máis determinantes na loita contra a desigualdade, a exclusión social e a pobreza. É imprescindible mellorar a calidade educativa e reducir as desigualdades. 

A educación inclusiva hase de entender dende os paradigmas de calidade educativa, igualdade de oportunidades e accesibilidade universal ao longo de todo o ciclo vital, asegurando a educación permanente das persoas con discapacidade como fórmula de promover a súa autonomía persoal, o libre desenvolvemento da súa personalidade. 

A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, adoptada pola ONU en 2006 e vixente e aplicable en España dende maio de 2008, debe constituír o marco orientador e de referencia necesaria da lexislación, as políticas e as decisións e prácticas educativas dos poderes públicos.

Por todo iso:

1. Reclamámoslles aos poderes públicos que se garanta o principio de acceso normalizado do alumnado con discapacidade aos recursos educativos ordinarios.

2. Demandamos a sensibilización de toda a comunidade educativa cara á realidade, á diversidade e ao valor intrínseco das persoas con discapacidade e a súa contribución á comunidade na que viven.

3. Esiximos a identificación temperá da discapacidade e unha atención preventiva, así como maior coordinación e fomento da escolarización dende a educación infantil.

4. Pedimos a revisión e actualización urxentes da lexislación estatal e autonómica en materia educativa para axustalas á educación inclusiva establecida pola Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

5. As estruturas de educación non normalizada aínda existentes deben dirixirse cara á súa completa converxencia co modelo de educación inclusiva. Mentres alcanzamos un sistema educativo coherente co principio de inclusión, debemos esixir que a lexislación estableza a obriga de garantir a libre elección da modalidade educativa e de escolarización por parte do alumnado con discapacidade ou das súas familias.

6. Os principios de non discriminación, accesibilidade universal e deseño para todos, deben incorporarse nos procesos de ensino-aprendizaxe e nos de avaliación.

7. Solicitamos que se promova, tanto na formación inicial coma na formación permanente do profesorado, unha axeitada cualificación, especialización e actualización competencial.

8. Pedimos que os proxectos educativos dos centros incorporen plans de atención á diversidade.

9. Demandamos a adecuación das novas tecnoloxías ao principio de accesibilidade universal.

10. Esiximos que os centros que escolaricen alumnado con discapacidade establezan, para quen así o solicite, medidas de flexibilización e/ou alternativas nas metodoloxías de aprendizaxe das materias.

11. Recordamos a necesidade de informar a toda a comunidade educativa dos seus dereitos e deberes, principalmente ao alumnado e ás familias.

12. Esiximos que o Plan de bolsas e axudas ao estudo estea ao alcance de todos e de todas.

13. Instamos que se promova a coordinación do profesorado que imparte os diferentes niveis e a axeitada orientación psicopedagóxica co obxecto de posibilitar o tránsito do alumnado con discapacidade entre as distintas etapas educativas.

14. Que se desenvolvan e fagan efectivos por parte das administracións competentes os mandatos en materia educativa recollidos na Lei 27/2007, do 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas.

15. Que se promovan as actuacións necesarias para fomentar a inclusión educativa das nenas e adolescentes con discapacidade.

16. Demandamos a adopción das medidas económicas necesarias para asegurar que ningún alumno ou alumna con discapacidade se vexan privados, por falta de recursos económicos, do dereito a acceder a unha educación inclusiva de calidade.

17. Que no novo sistema educativo que ha de impoñerse se teña en conta e se abra á participación e corresponsabilización das asociacións.

18. Recordamos o papel esencial dos medios de comunicación de transmitir e facer visible unha sociedade inclusiva.

19. No marco da Estratexia Europea 2020, que sitúa o éxito escolar e a mellora dos niveis educativos como unha das prioridades fundamentais para a próxima década, insistimos en que deberán poñerse en marcha os mecanismos e recursos necesarios para diminuír as porcentaxes de abandono escolar.

20. O Pacto Europeo da Discapacidade promovido polo Foro Europeo da Discapacidade, EDF, inclúe entre as súas prioridades a igualdade de acceso e oportunidades en materia de educación.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova