Imprimir

VISITA Ó CONCELLO DE REPRESENTANTES DA CONFEDERACIÓN DE AUTOESCOLAS


6/12/2010 Máis de 400 membros do sector de Autoescolas pasan o día en Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu hoxe no Concello a membros do comité executivo da Confederación nacional de Autoescolas con motivo da visita que realizan á nosa cidade máis de 400 membros deste colectivo que están a celebrar un Congreso estes días en Santiago de Compostela.

O Alcalde agradeceulles que elixiran Lugo para pasar esta xornada e lembroulles que este ano estamos a conmemorar o décimo aniversario da nosa Muralla como Patrimonio Mundial.

López Orozco tamén lles explicou ós responsables da Confederación de Autoescola que o Concello comparte a necesidade de mellorar a educación vial tanto de condutores como de peóns e por iso todos os escolares de Lugo reciben clases teóricas e prácticas no Parque Infantil de Tráfico dependente da Concellería de Educación.

Tamén anunciou a intención do Concello de institucionalizar nos Centros cívicos unha experiencia que xa se levou a cabo consistente en dar cursiños para maiores, a cargo de monitores do PIT e da Policía Local. E sinalou que é intención do Concello “asinar algún tipo de convenio coa Asociación de Autoescolas para que tamén colaboren profesores das autoescolas nesta iniciativa”,

No acto, o presidente da Confederación Nacional de Autoescolas, José Miguel Baeza, indicou que as autoescolas son “un pequeno graniño de area na cadea que loita para reducir as vítimas do tráfico en España” e gabouse da diminución nun 50%, dixo, dos mortos en accidentes, logro que atribue, entre outras medidas, á implantación do carnet por puntos.

Baeza tamén se referiu ó impacto da crise nun sector formado por case que dez mil pequenas empresas no que se perderon, dixo, uns dez mil dos trinta e sete mil postos de traballo que había.