Imprimir

O ALCALDE ANUNCIA A PRÓXIMA LICITACIÓN NO BOE DO PROXECTO DE AXARDINAMENTO DOS ACCESOS A LUGO


7/12/2010 López Orozco lembra a oposición do PP á cesión dos terreos para construír o novo Hospital Lucus Augusti

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe a próxima licitación do proxecto de axardinamento das entradas á cidade.

Este proxecto é froito dun convenio asinado polo Concello e o Ministerio de Fomento e nestes días o Boletín Oficial do Estado vai publicar a licitación das obras, segundo avanzou o Alcalde.

Os terreos que se van axardinar “son as folganzas das expropiacións que fixera Fomento no seu día para as obras de mellora nas entradas á cidade”, explicou o Alcalde quen avaliou o custe dos traballos que agora se van licitar en aproximadamente 1.400.000 euros.

O convenio establece que o Ministerio encárgase dos traballos para adecentar e axardinar os accesos á cidade e o Concello será quen se faga cargo do seu mantemento.

Os terreos do HULA

Na mesma comparecencia diante dos medios de comunicación, o Alcalde referiuse ó novo Hospital Lucus Augusti. López Orozco lembrou que o Partido Popular opúxose por dúas veces no Pleno á colaboración do Concello para que fora posible construír o novo Hospital.

A primeira vez, dixo o Alcalde, foi en novembro de 1999 cando o PP votou en contra da cesión dos terreos de San Cibrao á Xunta para facer o Hospital e a segunda, en maio de 2000, no Pleno no que se aprobou o convenio entre o Concello e o Sergas para comezar as obras de construción. Estes acordos, que se tomaron na época na que era Conselleiro de Sanidade Hernández Cochón, tomounos o Pleno do Concello de Lugo con 13 votos a favor, do BNG e o PSOE, e 12 en contra do PP. “Uns puxemos o traballo e outros o non neste salón de plenos”, remachou o Alcalde.

PXOM

O Alcalde tamén dixo que o Concello prevé para o día 17 o Pleno que debaterá o documento do PXOM logo de dar cumprimento ás ordes das Consellerías de Cultura e Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio.

“O que me preocupa é ter os informes nos que traballan os técnicos, que sexan positivos, levalo a Pleno e que a Xunta aprobe definitivamente o Plan”, manifestou o Alcalde.