Cargando....
Concello de Lugo
05/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Pleno do PXOM celebrarase o día 30 para garantir a seguridade xurídica e a transparencia na tramitación do documento, que xa ten seis informes favorables doutros tantos servizos municipais


# Venres, 10/12/2010


Imaxe Asociada
A Delegada de Urbanismo explica que o documento non fai cambios que non estean amparados na orde da Xunta, tampouco aumenta o número de expropiacións nin se fan moitos cambios nos núcleos rurais e poucos nos urbanizables

O Concello celebrará o día 30 o Pleno para debater o Plan Xeral, segundo anunciou esta mañá a Delegada de Urbanismo, María Novo.

Novo explicou que para o Goberno local “o importante e que o PXOM teña as máximas garantías xurídicas e a máxima transparencia, non que a data varíe uns días arriba ou abaixo, porque o que queremos é ter un bo Plan”.

“Todos os servizos municipais están traballando arreo”, explicou a Delegada de Urbanismo, e “o documento xa conta con todos os informes favorables dos servizos de Arqueoloxía, Arquitectura, Urbanismo, Enxeñería, Medio Ambiente e Intervención pero o Secretario municipal necesita máis tempo para facer unha fiscalización exhaustiva no lugar dun informe de mínimos, e nós non queremos iso, un informe de mínimos, preferimos ter un plan seguro e importa menos a data na que se aprobe”.

A Delegada de Urbanismo comunicou a data de celebración do Pleno nunha rolda de prensa na que tamén refutou as declaracións feitas polo BNG nos últimos días sobre o documento das que dixo que “non son certas, son erróneas e así se reflexa na lectura do documento”.

María Novo clarexou que o documento urbanístico non inclúe novas expropiacións, como se dixo, “de feito a memoria xustificativa do Plan recolle expresamente que non hai ningunha nova expropiación, o único que se fai, tal como pediu a Xunta, é recoller a cuantificación das que xa estaban previstas”, explicou a Delegada de Urbanismo.

“Non é certo que teñamos novas expropiacións e tampouco é certo que o seu importe sexa de 14, 5 millóns de euros, son 13,94 millóns, como recolle a páxina 192 da memoria do Plan”, detallou Novo.

Tamén se referiu a Delegada de Urbanismo ó chalet de Cobreros, que aparece como equipamento privado no Plan do 90 e no convenio que se asinou no seu día cos seus propietarios, polo que “non é certo que agora se expropie cando tiña que ser público”.

Tampouco é certo, segundo subliñou a Delegada de Urbanismo, “e así se xustifica no documento que o Bloque está examinando, que estea previsto un desmesurado crecemento de vivendas”. Novo explicou que a Xunta pediu xustificación de que ese crecemento non é excesivo e como se lle explicou “o cálculo de vivendas novas fíxose partindo de datos oficiais do Ministerio de Fomento e do Colexio de Arquitectos de Galicia, ós que se lles aplica un coeficiente técnico, e a nosa previsión de crecemento é inferior ó doutras cidades de Galicia que teñen o seu plan en vigor e aprobado fai pouco”.

Tocante ós cambios feitos nos núcleos rurais e nos urbanizables, María Novo clarexou que o informe do servizo de Arquitectura municipal di expresamente que os cambios nos urbanizables son do 3,11% e os dos núcleos rurais do 1,06%. “Resulta curioso que cando hai cambios que supoñen o 1,06% o Bloque diga que son moitos e en cambio considere mínimos os que representan un 3,11%”.

A Delegada de Urbanismo explicou tamén que o documento inclúe a previsión de saneamento e abastecemento nos urbanizables porque “a Lei do Solo obríganos a facer esa previsión pero hai que deixar claro que os gastos dos urbanizables asúmenos os propietarios”, e engadiu que “non se pode facer demagoxia con esto”.

Novo retou ó BNG a que diga un só cambio feito que non estea amparado nalgún dos puntos da orde dada pola Xunta.

Tamén asegurou que o 100% do que di Cultura respecto ó Carme está recollido no documento, o 90% no traballo feito polo equipo redactor e o 10% restante no do servizo de Arquitectura.

No que se refire ó trazado da Autovía Ceao-Autovía de Santiago lembrou que non foi criticado pola Xunta, aprobouno “a maioría das persoas que foron elixidas polos cidadáns de Lugo e para decidir o modelo de cidade hai que ter unha maioría cualificada”.

Sobre a edificabilidade en Bocamaos e Bosende, indicou que se seguiu o mesmo criterio que se utilizou nos restantes.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova